O Real Club Celta quere informar aos seus abonados e afeccionados sobre a situación derivada das obras do estadio. En primeiro lugar, o club entregou o seu parte da execución en tempo e forma, en concreto en maio do ano 2015. Con posterioridade á devandita data, a primeira vez que o Concello lle comunicou ao club que as obras non acabarían antes do comezo da tempada 2016/2017 foi xusto despois de coñecerse o resultado do sorteo do calendario de Liga, isto é, o día 15 de xullo de 2016.
Ante a situación real do estadio, sen as garantías de seguridade necesarias, sen iluminación suficiente e sen a posibilidade de utilizar a bancada de Tribuna Alta e Baixa, o club decidiu aprazar a celebración do Trofeo Memorial Quinocho, unha decisión que se lle comunicou e explicou á familia do histórico ex xerente celeste.
O RC Celta quere ademais aclarar que en diversas reunións posteriores cos responsables municipais, estes informaron o club de que só habería limitacións, en concreto a imposibilidade de abrir a Bancada de Tribuna Alta, para o primeiro partido de Liga. Neste sentido recolocarase aos abonados da mencionada bancada noutros lugares do estadio, actuación da que se informará o máis axiña posible.
Nestas reunións, o Concello informou o club que tras o primeiro partido de Liga o estadio cumpriría todos os requisitos obrigatorios das diferentes competicións (Liga, Copa do Rei e UEFA League) en materia de seguridade, iluminación e operatividade para abrir a totalidade das bancadas. Por iso o club quere transmitir tranquilidade e solicitar paciencia aos seus abonados e afeccionados.
O club quere por último expresar o seu desexo de que estas previsións do Concello cúmpranse, tanto das obras presentes como das que resten para finalizar a reforma integral do coliseo celtista, e trasladará aos seus abonados e afeccionados calquera información que reciba sobre a situación do estadio.
Á espera do informe resultante da inspección da UEFA e da nova que realizará a LFP, sobre o día 11 de agosto e que incluirá unha auditoría da iluminación do estadio, todos deberemos estar á altura nunha tempada única e ante unha reforma histórica da que é a nosa casa.