A catro días para disputar o esperado derbi galego entre RC Celta e RC Deportivo, Balaídos comeza a completar o seu aforamento en máis dunha bancada. Se a semana pasada a bancada de Marcador colgou o cartel de “esgotado”, este martes foi a quenda de Río Alto. A venda de entradas para ‘O Noso Derbi’ avanza a bo ritmo, tanto nas oficinas do estadio como no despacho de billetes dixital, o que fai preveer un ambiente espectacular este sábado en Balaídos.
Aínda hai billetes dispoñibles para as bancadas de Tribuna, Río Baixo e Gol, con prezos entre 60 e 90 euros para a categoría ADULTO e entre 40 e 60 euros para afeccionados SUB-25. O club lembra aos abonados de tempada que tramitaron o seu carné despois do 3 de xullo de 2015, que deben retirar un suplemento para acceder a este partido. O custo é de 20 euros para categoría ADULTO e de 10 para o resto de categorías, exceptuando aos menores de 8 anos que só deberán abonar 5 euros. Os abonados que xestionaron o seu carné con anterioridade á devandita data poderán asistir ao encontro da maneira habitual, presentando o seu abono na entrada á bancada. Os suplementos poderán retirarse até o mércores 30 de marzo.
A oficina de abonados e os despachos de billetes permanecen abertas de luns a venres en horario de 10 a 14 e de 17 a 20 horas e o sábado, día do partido, desde as 10 até as 22:00 horas de maneira ininterrompida. As entradas poden adquirirse en calquera momento do día a través da web www.celtavigo.org/taquillaCelta, activa as 24 horas.
