ESCUDO-1300x400-01
O Club

Marco Garcés, un Director de Fútbol de ampla experiencia para liderar a área deportiva do RC Celta

RC Celta

O RC Celta comeza a dar os primeiros pasos na reestruturación da súa área deportiva, unha das pedras angulares do proxecto liderado pola presidenta Marián Mouriño, que busca poñer o foco e os esforzos do club no fútbol e a mellora da súa competitividade deportiva.

Marco Garcés chega ao RC Celta para converterse no novo Director de Fútbol da entidade celeste. Un profesional de contrastada experiencia que se incorpora coa misión de desenvolver un proxecto de fútbol baseado en impeler o desempeño competitivo do primeiro equipo e sustentado na canteira, coa idea de impulsar o desenvolvemento dos novos talentos ata o primeiro conxunto celeste.

A área deportiva que liderará o novo Director de Fútbol contará cunha estrutura propia de captación de talento nacional e internacional que reforzará a xa existente, ademais dun staff multidisciplinar que potenciará o rendemento e competitividade dos xogadores de todas as categorías do RC Celta.

Marco Garcés (Ciudad de México, 1972) representa a terceira xeración de xogadores na súa familia, xa que o seu pai e avó foron futbolistas de éxito en México e, como o propio Garcés, chegaron á selección nacional. Como xogador, o novo director de Fútbol do RC Celta alzou catro títulos de Liga no seu país.

Conta cunha ampla formación en diversas disciplinas relacionadas co fútbol. Tras unha ampla experiencia traballando na canteira do Liverpool e no desenvolvemento e captación de talento para o Manchester United, Garcés asinou como Director Deportivo do Club de Fútbol Pachuca.

A súa traxectoria nos “Tuzos” estivo especialmente marcada polo éxito. Con Garcés á fronte da parcela deportiva, o club mexicano levantou un título de liga, unha CONCACAF e alcanzou o terceiro posto no Mundial de Clubs. Ademais, Pachuca converteuse nun auténtico referente de canteira no país.

As dúas últimas tempadas exerceu como Director Football Operations nos Angeles FC, da MLS. Co conxunto estadounidense volveu a triunfar ao finalizar campión de Conferencia dous anos consecutivos e gañar unha Supporters Shield e unha MLS Cup, ademais de lograr un subcampeonato na Concacaf 2023.

Marco Garcés destaca que a mentalidade, a confianza e a ambición son fundamentais: “Temos que crer que se pode, ter a audacia da esperanza. Os mozos da canteira teñen que crer que poden chegar ao primeiro equipo e o primeiro equipo que o seu lugar é a elite. Ninguén debe renderse nunca”.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas