C00_9783
Primeiro Equipo

Repartición de puntos en Abanca Balaídos | RC Celta 1 – 1 Girona FC

RC Celta

O RC Celta empata en Abanca Balaídos ante o Girona FC na oitava xornada de LALIGA EA SPORTS.

Un encontro moi especial que comezaba coa homenaxe a Iago Aspas polos seus 500 partidos oficiais co club, polo que todos os seus compañeiros saltaron ao terreo de xogo cunha camiseta conmemorativa, do mesmo xeito que se despregou un gran tifo na bancada. Foi Marián Mouriño, presidenta do RC Celta, a encargada de facer entrega desa mesma elástica ao capitán celeste, ante a calorosa ovación que lle dedicaba nese momento todo o estadio Abanca Balaídos.

Acto seguido, deu comezo un encontro frenético no que calquera dos dous equipos puido levar a vitoria. Os de Claudio Giráldez tiveron a primeira acción de perigo tan só dous minutos despois do inicio. Foi nun saque de falta lateral onde o remate de Carlos Domínguez marchábase demasiado alto. Primeiro aviso celeste que continuaba presionando na portería de Gazzaniga e subindo a intensidade do partido a un ritmo frenético. No minuto 26, Borja Iglesias sacábase unha chilena da manga, desde o punto de penalti, para sorprender ao gardameta arxentino pero, finalmente, o disparo marchábase desviado. Continuaba o Celta presionando alto e incomodando ao conxunto de Míchel. Pero, sería no minuto 38, cando Yangel Herrera aproveitaría un centro de Daley Blind para poñer por diante no marcador ao Girona FC.

O gol ao fío do descanso descolocaba ao conxunto celeste pero este mantivo a súa intensidade na segunda parte do encontro na que novamente continuou xerando perigo. Demostración técnica de Hugo Álvarez, aos cinco minutos de entrar no terreo de xogo, nun caneo a Francés sobre a liña de fondo que xerou os aplausos de toda a bancada. No minuto 64, tíñaa Pablo Durán que se internaba na área pero o seu disparo, finalmente, íase fóra. Achegábanse os compases finais do partido para desesperación dos celestes que non lograban romper a defensa albivermella. Pero, sería no minuto 81, cando unha xogada maxistral de Iago Aspas que el mesmo comezaba e que el mesmo remataba igualaría o encontro. Un tanto co que o capitán celeste posiciónase como o vixésimo máximo goleador da historia de Laliga. Co empate no marcador, os últimos minutos foron trepidantes con continuas arremetidas sen acerto en ambas as porterías ata o asubío final.

FICHA TÉCNICA: 

1 – RC Celta: Vicente Guaita, Sergio Carreira (Hugo Álvarez min.46), Javi Rodríguez, Carlos Domínguez, Marcos Alonso, Óscar Mingueza, Damián Rodríguez, Ilaix Moriba (Hugo Sotelo min.65), Alfon (Williot Swedberg min.58), Pablo Durán (Iago Aspas min.65) e Borja Iglesias (Tasos Douvikas min.58).
1 – Girona FC: Gazzaniga, Francés, Krejci, Blind (David López min.54), Miguel Gutiérrez, Oriol Romeu (Van de Beek min.14), Iván Martín, Yangel Herrera (Solís min.72), Tsygankov, Danjuma (Bryan Gil min.72) e Abel Ruíz (Portu min.72).

Goles: 0-1, Yangel Herrera, min.38; 1-1, Iago Aspas, min. 81.

Árbitro: De Burgos Bengoetxea (Comité biscaíño). Amonestou con cartón amarelo a Hugo Álvarez (min.78).
Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada de LALIGA EA SPORTS, disputado no estadio de Abanca Balaídos ante 21.347 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas