O Celta Fortuna segue facéndose forte en Abanca Balaídos tras impoñerse por 1-0 ante o Ourense CF nun derbi disputado ata o último minuto. Os de Fredi Álvarez lograron adiantarse no marcador na primeira metade grazas a un gol de falta de De la Iglesia, un tanto que foi suficiente para deixar os tres puntos en casa.
Desde o arranque, o filial celeste mostrou as súas intencións: dominar o xogo e marcar o ritmo do partido. Con boa circulación de balón e presión alta, o Fortuna xerou varias ocasións de perigo no inicio. Os froitos chegaron no minuto 20, cando De la Iglesia transformou un libre directo nun golazo que deixou sen opcións a Marqueta.
Tras o tanto inicial, o Ourense CF reaccionou e na segunda metade saíu decidido a dar un paso adiante. Por momentos, o cadro visitante puxo en aprietos aos celestes, pero o Fortuna non baixou os brazos e respondeu creando novas ocasións que poderían pechar o partido moito antes. Os minutos finais vivíronse con tensión en Balaídos. O Ourense, no seu último intento, apertou ata o asubío final en busca do empate, mentres que o Fortuna defendía o resultado con uñas e dentes. O marcador non se moveu e o equipo de Fredi Álvarez sumou a súa quinta vitoria en casa, manténdose invicto como local no que vai de tempada.
Con estes tres puntos, o Celta Fortuna chega a 15 na táboa e reafirma a súa posición en liga, consolidando Balaídos como un fortín. Agora, o equipo céntrase no seu próximo encontro contra a Cultural Leonesa, o sábado 16 ás 17:30 h, co obxectivo de alongar a súa serie positiva en casa.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Sergio Díez (Garriel, min. 58), Gael Alonso (Burcio, min. 78), Yoel Lago (Meixús, min. 62), Manu Fernández, Tincho; Dela, Miguel Román; Óscar Ramos (Barreiros, min. 62), Fer López e Johan Guedes (Escobar, min. 46).
0 – Ourense CF: Marqueta, Andrada, Hugo Sanz, Carmona (Zalaya, min. 46), Fidalgo, Carbonell (Di Renzo, min. 81), Jerín, Alberto Gil (Álex Gil, min. 75), Del Olmo (Josema, min. 46), Moisés e Fullana (Noriega, min. 64).
Goles: 1-0, min. 18: Dela de falta directa.
Árbitro: Aleksandar Ivaylov Angelov Borisov. Cartón amarelo aos locais Yoel Lago, Escobar e Miguel Román.
Incidencias: Partido de Primeira RFEF disputado en Abanca Balaídos.