O RC Celta suma un valioso triunfo en Abanca Balaídos ante un RCD Mallorca que mantivo a presión ata o último minuto. Hugo Álvarez e Iago Aspas foron os encargados de poñerlle a guinda a un encontro no que os celestes tiraron de calidade táctica e ofensiva para impoñerse ao conxunto de Arrasate.
Saltaba o Celta ao terreo de xogo coa gran sorpresa da primeira titularidade do canteirán, Fer López, que se estreaba en Laliga tras o seu paso goleador na Copa do Rey ante o Salamanca CF UDS. Unha posta en escena na que encandeou a todos os afeccionados presentes en Abanca Balaídos pola súa calidade en cada acción na que participaba.
Nos primeiros compases do encontro, Celta e Mallorca repartíronse o dominio do xogo, sendo os celestes os primeiros en protagonizar a primeira chegada clara cun tiro afastado de Ilaix Moriba que se ía por encima da portería. Non tardaron en replicar a acción os mallorquinos que se presentaron ante un Vicente Guaita colosal que rexeitou calquera intento de ataque. Transcorría o encontro ata que, no minuto 32, Hugo Álvarez abría a lata cun disparo cruzado que primeiro tocou o poste por dentro para terminar coándose polo lado contrario e desatar a euforia en Balaídos. Unha xogada espectacular que comezou Fran Beltrán, no centro do campo, roubándolle o balón a Samú Costa e a partir de aí, os celestes déronlle velocidade ao ataque combinando a xogada con Fer López, Ilaix Moriba e Williot Swedberg que asistía ao mozo ourensán perfectamente colocado.
Co 1-0 no marcador, o Mallorca intensificou o seu ataque aumentando a tensión do encontro. Foi nese momento cando nunha acción con Van der Heyden, Fer López íase ao chan afectado do seu nocello dereito. Uns momentos de incerteza que finalmente levaron ao novo canteirán a abandonar precipitadamente o terreo de xogo por lesión sendo substituído por Iago Aspas. Un golpe inesperado que trataría de aproveitar o conxunto de Arrasate para abordar a portería de Guaita coa intención de empatar o encontro sen éxito.
O inicio da segunda parte foi un calco da primeira, intensidade de ambos os equipos, presionando alto e repartíndose o dominio. Volvería ser Hugo Álvarez o que tentaba o segundo tras irse de dous rivais na frontal da área e lanzar un xute que se iría desviado polo poste esquerdo por escasos centímetros. Co marcador a favor, e un Mallorca que aos poucos rozaba a desesperación, Claudio Giráldez movía o banco tratando de achegarlle frescura ao equipo. Momento no que Alfon entraba ao terreo de xogo e moi preto estivo de anotar o segundo na súa primeira acción do partido tras lanzar desviado un gran centro de Hugo Álvarez. Víñase arriba o Celta cando en pleno ataque protagonizado por Tasos Douvikas, Raíllo metía a man para despexar o balón o que, tras revisalo no VAR, De Burgos Bengoetxea sinalaba como vermella directa. Quedaba con dez o Mallorca que cambiaba de sistema e replegaba ao equipo para tratar de frear a un conxunto celeste desatado. No minuto 82, aparecía Iago Aspas para poñer o 2-0 nunha xogada que el mesmo comezou cun pase cara a Óscar Mingueza que despexaría a defensa mallorquina, volvendo o balón aos pés do de Moaña que o enviou directamente ao fondo da rede deixando o encontro visto para sentenza.
Tres puntos que suma novamente o RC Celta para situarse nunha cómoda décima posición antes de visitar ao Sevilla FC o vindeiro sábado, 14 de decembro, ás 18:30h. no Ramón Sánchez Pizjuán.
FICHA TÉCNICA:
2 – RC Celta: Vicente Guaita; Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Marcos Alonso; Óscar Mingueza, Ilaix Moriba, Fran Beltrán, Hugo Álvarez (Mihailo Ristic, 86′), Fer López (Iago Aspas, 43′), Williot Swedberg (Alfon, 65′) e Borja Iglesias (Douvikas, 65′).
0 – RCD Mallorca: Greif; Mateu Jaume, Valjent, Raíllo, Heyden; Mascarell, Samu Costa (Chiquinho, 88′), Roberto Navarro (Mojica, 58′), Dani Rodríguez (Sergi Darder, 83′), Llabrés (Muriqui, 58′) e Larín (Asano, 83′).
Goles: 1-0 (min. 32) Hugo Álvarez. 2-0 (min. 82) Iago Aspas.
Árbitro: Ricardo De Burgos Bengoetxea (Comité vasco). Por parte do RC Celta, amoestou con tarxeta amarela a Javi Rodríguez. Mentres que do RCD Mallorca expulsou con vermella directa a Raíllo no minuto 78.
Incidencias: Encontro correspondente á Xornada 16 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio de Abanca Balaídos ante 22.861 persoas.