DSC03943
Primeiro Equipo

O RC Celta non logra premiar o seu esforzo ante o Sevilla FC (1 – 0)

RC Celta

O RC Celta cae pola mínima ante o Sevilla FC nun Ramón Sánchez Pizjuán que se vestiu de gala para despedir a unha das súas grandes lendas, Jesús Navas. O encontro comezaba con ambos os conxuntos sobre o terreo de xogo recibindo entre aplausos ao capitán sevillano, que non podía conter as bágoas ante o que era o seu último partido diante de toda unha afección que, emocionada e en pé, dicíalle adeus.

Xa co contador en marcha, o RC Celta apoderábase do balón e rapidamente facíase co dominio do partido. Os celestes mostraron a súa capacidade para asociarse en ataque, con Iago Aspas controlando o xogo e filtrando varios pases a un Pablo Durán colosal que constantemente buscaba o desmarque para romper a defensa rival. Con todo, a puntería non estivo do seu lado e a súa ocasión máis clara estrelábase contra o pau. Pouco despois, o de Tomiño centraba un pase ao corazón da área, pero o remate de Williot terminábase marchando por encima do traveseiro. Tentábao de todas as maneiras o Celta, nunha primeira parte cargada de intención que deixou ao conxunto local practicamente sen opcións.

Moitas oportunidades que os de Claudio Giráldez non terminaban de aproveitar e que, pouco despois, terminarían pagando. E é que, no inicio da segunda metade, o conxunto de García Pimienta saltaba ao terreo de xogo cunha estratexia completamente diferente. Unha nova dinámica á que os celestes non terminaron de adaptarse e que se traduciu no gol que acabaría sendo decisivo. Manu Bueno, tras avisar en varias ocasións, recibía un balón na frontal da área e, cun disparo certeiro, poñía o 1-0 no marcador. A partir dese momento, o Celta tratou de buscar o empate pero a defensa sevillista mantívose firme e o gardameta local logrou evitar calquera sorpresa nos últimos minutos.

Agora, o RC Celta céntrase en pechar o ano cunha nova vitoria en Abanca Balaídos ante a Real Sociedad o vindeiro sábado, 21 de decembro, ás 16:15h.

FICHA TÉCNICA:

1 – Sevilla FC: Álvaro Fernández; Montiel (Darío, min. 86), Badé, Gudelj (Marcao, min. 91), Kike Salas; Agoumé, Manu Bueno (Lokonga, min. 70), Saúl; Jesús Navas (Idumbo, min. 70), Lukebakio e Iheanacho (García Pascual, min. 46).

0 – RC Celta: Guaita; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso, Óscar Mingueza; Fran Beltrán (Hugo Sotelo, min. 73), Ilaix Moriba, Hugo Álvarez (Mihailo Ristic, min. 66 (Alfon, min. 79); Pablo Durán (Borja Iglesias, min. 73), Iago Aspas e Williot (Bamba, min. 66).

Goles: 1-0, min. 64: Manu Bueno.

Árbitro: Jesús Gil Manzano (Comité Estremeño). Amoestou do RC Celta a Pablo Durán (min. 48), Starfelt (min. 89) e a Marcos Alonso (min. 93). Do Sevilla FC, viron tarxeta amarela Agoumé (min. 45), Montiel (min. 83), Badé (min. 93), Darío (min. 95) e García Pascual (min. 95).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio Ramón Sánchez Pizjuán ante 37.295 espectadores. Jesús Navas realizou o saque de honra en compañía dos seus dous fillos, Jesús e Romeo.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas