20250111_CELTAFORTUNAvsREALSOCIEDADB_122
A Canteira

O Celta Fortuna somete ao Sanse en territorio celeste (2-1)

RC Celta

O Celta Fortuna continúa invicto en Abanca Balaídos tras logar unha vitoria ante a Real Sociedade B nun auténtico duelo de filiais. O equipo de Fredi Álvarez soubo facer valer a súa pegada na primeira metade grazas aos goles de Óscar Marcos e Angelito.

O conxunto donostiarra comezou impoñendo o seu dominio, presionando alto e dificultando a saída de balón dos celestes. Con todo, os ocos ás costas da defensa foron aproveitados polo Celta Fortuna para xerar un xogo directo e presionar na área rival. No minuto 16, Óscar Marcos cabeceou un centro da dereita que se ía ao pau para despois, cousas da Fortuna, impactar nas costas do gardameta e terminar entrando na portería. Poñíase por diante o Celta que cada vez se atopaba máis cómodo e íase apropiando da posesión nun partido que era un auténtico man a man entre dous planteis de moitísimo nivel que non tiñan a intención de ceder o máis mínimo. E nesa batalla chegaría o segundo gol celeste, obra de Ángel Arcos, tras unha excelente presión de Hugo Burcio na área rival que roubaba o balón e entregáballo a Angelito en bandexa para que batese ao porteiro rival. Co 2-0 no marcador, o partido encamiñábase ao descanso cando chegaba a acción máis clara do Sanse que se terminaba estrelando no traveseiro da portería de Marc Vidal.

Xa no segundo tempo, os celestes trataban de manter a posesión do balón e con ela o resultado, xerando numerosas oportunidades que puideron sentenciar o encontro. Con todo, a falta de puntería desesperou por momentos á liña ofensiva do Celta Fortuna que o tentaba de todas as maneiras.

Mentres tanto, a Real Sociedade B continuou coa súa presión alta en busca da remontada. Foi no minuto 88 cando, tras unha acción na área, o árbitro sinalou un penalti a favor dos donostiarras que Mariezkurrena encargouse de transformar en gol desde os 11 metros. Un tanto que recortaba distancias e poñía algo de incerteza aos últimos minutos dun encontro no que o Celta Fortuna lograba levar novamente os tres puntos en casa.

Desta maneira, o filial celeste conclúe a primeira volta da competición con 28 puntos, a tan só 2 puntos dos postos de Play-off. O vindeiro domingo, 19 de xaneiro, ás 12:00h. o estadio municipal Reina Sofía será o escenario dun novo encontro ante o Unionistas de Salamanca.

FICHA TÉCNICA: 

2 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Gael Alonso, Yoel Lago, Iván Garriel (Manu Fernández, min. 46); Sergio Díez (Pablo Gavián, min. 70), Hugo Burcio, Miguel Román, Tincho: Johan Guedes (Iago Barreiros, min. 81), Óscar Marcos (Andrés Antañón, min. 70) e Ángel Arcos (Jordi Escobar, min. 61).

1 – Real Sociedad B: Fraga, Balda, Lebarbier, Mikel Rodríguez (B. Mariezkurrena, min. 46), Orobengoa, Goti, Peru, Rupérez, Beitia, Carbonell e Marchal (Agote, min. 64).

Goles: 1-0, min. 16: Óscar Marcos. 2-0, min. 36: Ángel Arcos. 2-1, min. 88: B. Mariezkurrena.

Árbitro: Manuel García Gómez. Amoestou con tarxeta amarela aos locais Gael Alonso, Hugo Burcio e Tincho. Por parte da Sanse, viron cartón amarelo Beitia, Lebarbier e Rupérez.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 19 do Grupo I de Primera Federación versus e-Learning disputado en Abanca Balaídos.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta Fortuna

Noticias recomendadas