O Celta Fortuna rompe a súa xeira de sete xornadas como invicto nun partido tolo ante o Amorebieta no que os celestes tiraron de coraxe para conseguir facerse cos tres puntos nun encontro que finalmente se decantaba para o rival.
O partido comezou de maneira prometedora, cun gol temperán de Óscar Marcos tras unha xogada combinativa aos tres minutos do inicio. Unha xogada entre Tincho, Iván Garriel e o canteirán vilagarcián que permitiu aos celeste acomodarse sobre o terreo de xogo e comezar dominando. Con todo, nunha xogada de córner, os azulones recortaban distancias asestando o primeiro golpe que deixaba moi tocado aos pupilos de Fredi Álvarez que, pouco tempo despois, encaixaban un segundo disparo desde fóra da área co que Masllorens adiantaba ao conxunto vasco. Hugo González tivo a oportunidade de volver igualar o marcador cunha falta directa que lograba desviar a córner o gardameta rival. Mentres, nunha contra pola banda dereita, Fervías abría aínda máis a brecha cun tiro cruzado que terminaba no fondo da rede.
Un primeiro tempo tolo, con moitos goles e un marcador demasiado avultado que obrigaba a Fredi a realizar un cambio táctico para darlle máis agresividade e verticalidade ao equipo. Uns cambios que produciron efecto, e nada máis comezar a segunda parte, Hugo González anotaba o 3-2 cun disparo cruzado co que conseguía sorprender ao porteiro local. A ofensiva celeste seguiu crecendo, con Gael Alonso e Andrés Antañón moi preto do empate que chamaban ao optimismo. Pero o fútbol novamente mostrou a súa cara máis cruel, Álvaro Marín encabezou unha contra que resultou ser letal para os celestes. Un golpe, co que lonxe de baixar os brazos, o Celta Fortuna seguiu buscando meterse no partido. Pero o tempo axexaba e os intentos celestes non conseguían romper a barreira dos azulones. No último minuto do engadido, o colexiado pitaba un penalti a favor do Fortuna, tras un erro de Selma na área, que Gael Alonso transformou desde os once metros. Asubío final cun 4-3 no marcador pero coas sensacións de que, a pesar da derrota, o filial loitou e demostrou o seu carácter para afrontar os momentos difíciles.
A próxima semana a Celta Fortuna disputará o seu último partido da temporada en casa, en Abanca Balaídos, o sábado 17 de maio ás 19:00 horas ante o Bilbao Athletic.
FICHA TÉCNICA:
4 – SD Amorebieta: Marino, Camacho, Kortazar (Coulibaly, min. 83), Amelibia, Vicandi (Sola, min. 63), Hervías (Selma, min. 63), Benhamed (Calavera, min. 74), Masllorens, Muñoz Marín, min. 63), Enol Coto e Yuste.
3 – Celta Fortuna: César; Gael Alonso, Pablo Meixús, Manu Fernández (Johan Guedes, min. 46); Sergio Díez (Pablo Gavián, min. 69), Dela (Andrés Antañón, min. 46), Hugo Burcio, Iván Garriel (Iago Barreiros, min. 73); Hugo González, Óscar Marcos (Joel López, min. 85) e Tincho.
Goles: 0-1, min. 3: Óscar Marcos. 1-1, min. 8: Yuste. 2-1, min. 12: Masllorens. 3-1, min. 31: Hervias.3-2, min. 57: Hugo González. 4-2, min. 68: Marín. 4-3, min. 95: Gael Alonso (p).
Árbitro: Montes García-Navas (Comité Madrileño). Mostrou tarxeta amarela ao celeste Pablo Gavián.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 36 de Primera Federación versus e-Learning disputado no campo de Urritxe.