16-9
Primeiro Equipo

Europa recibe aos fillos dunha paixón

RC Celta

É unha consecuencia. Unha consecuencia dunha afección entusiasta, dunha canteira única ao acubillo de grandes veteranos, dun fútbol pleno de valentía e ambición, de converter o “queremos máis” nun obxectivo e non nun lema baleiro, de crer, querer e soñar.

O RC Celta regresa a Europa, Europa regresa á vida do RC Celta, por décima vez, case 10 anos despois. Con 10 futbolistas e empate no marcador quedaba este equipo hai uns días e o partido acabou con xogadores e xogadoras celestes celebrando unha vitoria clave, mesturados coa afección, cantando ao unísono. Esa imaxe define este éxito. Da bancada saíron moitos dos futbolistas que locen agora o escudo no campo, nunca deixaron de ser parte dela.

E falta un 10 nesta serie de coincidencias, pero nin sequera fai falta verbalizar a quen corresponde, nin enxalzar o que fixo ou soñar co que fará. As súas bágoas de frustración e tristeza en Old Trafford son agora de felicidade.

A afección vive con entusiasmo este regreso, sente parte del. E o é, máis que nunca. O Celta volve a Europa cunha clara identidade, con raíces fortes e profundas, con orgullo, da man dos fillos dunha paixón.

Outro 10, xigante da nosa historia, sacouse unha vez a súa camiseta celeste para mostrar unha mensaxe que este club, dirixentes, equipo, corpo técnico e empregados gritan: Grazas, afección.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas