Xisela Aranda emprende unha nova etapa tras case dous anos dunha fantástica viaxe no RC Celta, onde se envorcou por completo na implantación e desenvolvemento do proxecto do club encabezado pola presidenta, Marián Mouriño. A súa achega para a creación de As Celtas foi inmensa e o seu nome quedará para sempre na historia dunha sección que en apenas un ano de vida cultivou diversos éxitos.
A ata o de agora conselleira do RC Celta incorpórase á Dirección de Deportes da Deputación de Pontevedra, un nomeamento que supoñerá sen dúbida un gran impulso ao deporte da provincia e de Galicia dados os seus coñecementos, experiencia e preparación.
O RC Celta quere expresarlle a Xisela o seu máis sincero agradecemento pola súa enorme achega ao club desde o instante no que accedeu ao consello de administración, que impregnou de paixón, implicación e compromiso. O club quere, ademais, desexarlle un gran éxito na súa nova etapa na dirección de Deportes da Deputación.