
O Real Club Celta foi distinguido este xoves co Premio da Cultura Galega 2024 na categoría de Proxección Exterior da Cultura Galega. Esta distinción, convocada anualmente pola Xunta de Galicia, recoñece o labor de persoas e institucións que, con esforzo e dedicación, contribúen ao enriquecemento e proxección da identidade galega.
Este ano, a gala celebrouse no Teatro Jofre de Ferrol, un punto de encontro para homenaxear o talento, a creatividade e o compromiso coa cultura galega nas súas múltiples expresións dunha maneira descentralizada. Para o RC Celta, foi unha honra asistir e formar parte do selecto grupo de premiados grazas ao traballo realizado en favor da cultura, representado en 2024 por “Oliveira dos Cen Anos”, un himno creado para conmemorar o centenario do club, pero que xa se converteu nun auténtico símbolo de orgullo, raíces e identidade.
A recoller o galardón acudiron Gael García, director de Márketing, Comunicación e Estratexia Dixital do RC Celta; José Amoedo, conselleiro do club; e Carlos Cao, director de Infraestruturas e Relacións Institucionais. En nome de toda a entidade celeste, Gael subiu ao escenario para expresar o que significa esta distinción:
“É unha honra recibir este premio. Emociónanos porque vai máis alá do deporte, fala de identidade. Reforza a nosa responsabilidade coa nosa terra e cos ideais cos que se fundou o Celta hai máis de cen anos. Grazas por este recoñecemento, que queremos compartir con todos os clubs de Galicia que tamén traballan nesta liña. Desde aquí reafirmamos o noso compromiso de seguir construíndo un fútbol moderno que camiñe da man da nosa cultura”.
O RC Celta agradece fondamente á organización dos Premios da Cultura Galega esta distinción, e celebra que deporte e cultura estean cada vez máis preto.