20241213_Viaje_SEVILLAvsRCCELTA_CidadeDeportivaAfouteza-4
O Club

O RC Celta celebrará o inicio de GS360 o 10 de xullo en Afouteza

RC Celta

Hai momentos que non se poden datar só nun calendario, porque pertencen ao tempo da esperanza, da visión e do compromiso cunha terra. O próximo 10 de xullo, ás 20:00 horas, a Cidade Deportiva de Afouteza acollerá un deses momentos que definen o futuro dun club: o lanzamento de Galicia Sports 360, o proxecto que redefine o futuro do RC Celta e do deporte galego.

Galicia Sports 360 nace como un espazo para o alto rendemento, a innovación e a formación, destinado a converterse nun referente internacional. Un ecosistema onde converxen deporte, saúde, tecnoloxía, talento e coñecemento. Con GS360, o RC Celta aspira a converterse nun motor do crecemento do deporte galego en todas as súas disciplinas. A investigación, a infraestrutura e a metodoloxía do club vigués serán fonte de sinerxías para aumentar a competitividade dos nosos deportistas, á vez que constrúen un tecido industrial arredor do deporte galego. Tamén será a sede do tan esperado futuro miniestadio de As Celtas e o Celta Fortuna.

O evento estará aberto ao público ata alcanzar unha capacidade máxima de 250 persoas. Para asistir débese cubrir un formulario de inscrición dispoñible a partir do mércores 2 de xullo ás 10:00 horas. As persoas interesadas recibirán unha entrada persoal cun código QR para acceder ao evento nos días previos ao evento.

Neste momento clave, o RC Celta reafirma o seu compromiso cun futuro ambicioso, construído desde a terra que nos inspira. Xuntos, comezamos un novo capítulo. Xuntos, imaxinamos e construímos o Celta dos próximos cen anos.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo O Club

Noticias recomendadas