O Celta aterrou en Alemaña para xogar un partido algo atípico contra o Stuttgart. Non dicimos atípico polo tempo endiablado que viviu a tarde do sábado, senón porque foi un encontro dividido en dúas partes de máis de 60 minutos cada unha. Sen dúbida, foi unha proba moi física para os xogadores de Claudio Giráldez.
Os máis de 130 minutos de xogo comezaron tarde debido á tremenda tormenta que azoutou o Stadion Kreuzeiche xusto cando ambos os equipos se aliñaban no túnel do vestiario.
Como é habitual nestas probas de pretemporada, o Celta mellorou e, a pesar do resultado, pódese facer unha valoración moi positiva polas sensacións e a melloría vista no campo. Na primeira metade, Ferran Jutglà mostrou as súas ganas de cara á portería, participando moito no xogo e rematando un par de balóns sen sorte. Hugo Álvarez tamén tivo as súas oportunidades pero topouse co porteiro contrario. Moitas ocasións esvaecéronse nos metros finais, mentres que o Stuttgart si soubo capitalizar os seus ataques. No minuto 34, Leweling abriu o marcador cun disparo dende o bordo da área que se foi directo ao fondo da rede, e na segunda metade, un erro defensivo aumentou a vantaxe local. Foi un duro golpe para o Celta, que seguiu insistindo e presionando á defensa alemá ata que finalmente chegou o gol celeste, en propia meta.
A pesar do cansazo acumulado, o equipo de Claudio Giráldez dominou case todo o partido. O máis destacado do encontro foi a anticipación do equipo, que conseguiu deter varias xogadas de ataque do Stuttgart. Esta mellora defensiva é evidente e o equipo seguirá traballándoa o vindeiro martes 29 de xullo ás 15:00 horas contra o Grasshopper no que será o quinto amigable desta pretempada.
FICHA TÉCNICA:
VfB Stuttgart: Bredlow, Stiller, Mittelstädt, Demirovic, Jaquez, Karazor, Leweling, Assignon, Chabot, Undav e Jovanovic. Tamén xogaron: Jeltsch, Drljača, Hendriks, Vagnoman, Keitel, Führich, Stenzel, Nartey, Meyer, Penna, Sankoh e Catovic.
Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez, Yoel Lago, Marcos Alonso; Ilaix Moriba, Damián Rodríguez; Jones El-Abdellaqui, Hugo Álvarez, Williot Swedberg e Ferran Jutglà. Tras o descanso: Iván Villar, Manu Fernández, Carl Starfelt, Óscar Mingueza, Mihailo Ristic, Hugo Sotelo, Miguel Román, Iago Aspas, Pablo Durán, Hugo González, Javi Rueda, Fran Beltrán e Tincho.
Goles: 1-0 Leweling, min.34. 2-0 (PP), min.82. 2-1 (PP), min.120.
Árbitro: Erbst.