Esta pasada fin de semana ante o RCD Mallorca, Manu Fernández debutou oficialmente co primeiro equipo do Celta, completando así unha particular triloxía familiar. Neto de Manuel Fernández Amado e fillo de Manel Fernández Anidos, Manu é a terceira xeración que defende o escudo do Celta en primeira división, un feito sen precedentes na historia do club.
Cando Manu Fernández saltou ao terreo de xogo do Son Moix, non se trataba dun simple debut para o mozo central, era a clara representación dun sentimento de herdanza difícil de explicar. O significado máis puro do que é ser do Celta.
Aos seus 23 anos, Manu daba o paso que tantas veces soñou desde neno, como integrante do Celta Fortuna e agora xa como xogador do primeiro equipo celeste. Un debut froito da constancia, o traballo e o sacrificio de loitar por un soño, de seguir un ronsel que vai máis aló do fútbol.
O seu avó fíxoo nos anos 70. O seu pai, nos 90. E agora, tocoulle a el, o mesmo día que o club cumpría os seus 102 anos de historia, escribir unha nova páxina coa alma e o corazón que lle dan significado a todo. Tres xeracións unidas por un mesmo escudo. Un club que sempre foi familia.