Abanca Balaídos acolleu o segundo partido da tempada na casa, correspondente á xornada 6 pero adiantado por compromisos europeos, que amosou a mellor versión dun Celta que tivo que conformarse cun empate (1-1) malia ser superior durante boa parte dos 90 minutos.
Dende o inicio, os locais tomaron o control do encontro. O Betis comezou presionando, pero axiña os celestes fixéronse co esférico, atoparon espazos e comezaron a xerar perigo. A primeira ocasión clara chegou no minuto 18, cando Pablo Durán gañou a espalda da defensa bética tras un pase milimétrico de Borja Iglesias, plantouse na área e disparou con todo ante Valles, que evitou o gol. A partir de aí, o dominio celeste deixou algunha que outra pincelada máis, aínda que o Betis tamén avisou cunha dobre ocasión que obrigou a intervir a Radu e a Mihailo Ristic, in extremis sobre a liña. Nos últimos compases da primeira metade, os de Giráldez mantiveron o ritmo e volveron rozar o gol cun disparo de Williot Swedberg, pero cando todo parecía indicar que o descanso chegaría co empate, o fútbol foi cruel cos celestes: saque de esquina para o Betis e remate certeiro de Bartra para poñer o 0-1 no marcador.
Tras a reanudación, a resposta do Celta foi inmediata. Os celestes saíron aínda máis intensos que na primeira metade, decididos a darlle a volta ao resultado. E conseguirono ben cedo, grazas a Hugo Álvarez, que asinou o empate cun disparo que se lle coou entre as pernas ao porteiro verdibranco. A partir de aí, o equipo celeste volcouse na busca do segundo tanto. Jutglà, Marcos Alonso e Mingueza tentárono con insistencia, pero nin a sorte nin a puntería acompañaron. O Betis, superado, limitouse a resistir como puido.
Este empate deixa no Celta unha sensación agridoce, pero tamén a certeza de que o camiño é o axeitado. Agora, toca pasar páxina e pensar xa no próximo desafío, que chegará en apenas uns días, novamente en Abanca Balaídos, ante o Villarreal CF.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta: Radu; Óscar Mingueza, Yoel Lago, Javi Rodríguez, Mihailo Ristic (Marcos Alonso 57′); Williot Swedberg, Ilaix Moriba, Hugo Sotelo, Hugo Álvarez (Bryan Zaragoza 72′); Pablo Durán (Iago Aspas 72′) e Borja Iglesias (Jutglà 67′).
1 – Real Betis Balompié: Álvaro Valles; Bellerín, Marc Bartra, Natan, Ricardo Rodríguez; Sergi Altimira (Valentín Gómez 71′), Fornals; Aitor Ruibal (Pablo García 54′), Lo Celso (Dani Pérez 89′), Riquelme (Chimy Ávila 71′); e Cucho Hernández (Bakambu 71′).
Árbitro: Jesús Gil Manzano (comité extremeño). Amonestou ao local Yoel Lago e aos visitantes Sergi Altimira e Pablo García.
Goles: 0-1 (45′) Marc Bartra; 1-1 (48′) Hugo Álvarez.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 6 de LALIGA EA SPORTS disputado en Abanca Balaídos ante 20.302 espectadores. O resto de encontros desta xornada disputaranse a finais de setembro en sesión intersemanal, coincidindo con compromisos de Celta e Betis na UEFA Europa League.