20230106_Campo_Elche-5
Celtismo

Iníciase a preventa de entradas para o partido contra o Elche CF

RC Celta

Xa está dispoñible a pre-reserva de entradas para o terceiro partido que disputará o Celta como visitante esta tempada. Será na xornada 7, o vindeiro domingo, 28 de setembro ás 16:15 horas, cando os celestes se enfronten ao Elche CF no Martínez Valero.

A continuación, explicamos detalladamente como realizar o proceso e cales son os pasos a seguir desde o Portal del Celtista:

  1. Pre-reserva e adxudicación

Para optar a unha entrada na grada visitante (30 euros), é necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista de xeito individual ou en grupo (cun máximo de 6 celtistas) e efectuar un pago de pre-reserva (5 euros) co obxectivo de que as solicitudes sexan en firme. Este importe será devolto no caso de non ser seleccionado/a.

Este pago non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:

  • 75% das entradas adxudícanse segundo a antigüidade: téñese en conta a media de antigüidade no caso de grupos e a antigüidade individual nas solicitudes persoais.
  • 25% das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre os solicitantes restantes.

Unha vez rematado o proceso de adxudicación, todas as persoas inscritas reciben un correo informando sobre o resultado da súa solicitude.

  1. Pago final para os seleccionados

Os celtistas que resulten seleccionados recibirán un correo de confirmación coas instrucións para completar a compra abonando a diferenza respecto da pre-reserva realizada.

Para formalizar a compra, deben seguir estes pasos:

  1. Acceder ao Portal do Celtista e dirixirse ao apartado “Entradas Visitante”.
  2. Completar o pago nun prazo máximo de 48 horas desde a recepción do correo.
  3. Recibirán a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.

⚠ Importante: Se o pago non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito á compra da entrada e o importe da pre-reserva non será reembolsado.

  1. Devolución para os non seleccionados

Aqueles afeccionados que non resulten seleccionados recibirán un correo coa notificación e, de forma automática, o club procederá ao reembolso íntegro do importe da pre-reserva no mesmo método de pago utilizado durante a inscrición.

  1. Confirmación e entrega de entradas

Os seguidores que completen o proceso de compra recibirán un correo de confirmación. É importante lembrar que o comprobante de pago non é válido como entrada.

Neste caso, as entradas serán enviadas, a partir do martes 23 de setembro, de forma telemática ao correo electrónico confirmado na solicitude.

Unha vez realizada a compra, non se permiten cambios nin devolucións.

A pre-inscrición para as entradas está dispoñible no Portal do Celtista desde hoxe mesmo ata o xoves 19 de setembro ás 13:00 horas. Lembramos que son nominativas e que se solicitará o DNI xunto coa entrada no acceso ao estadio.

Vémonos no Martínez Valero, celtistas!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas