WhatsApp Image 2025-09-21 at 20.40.24 (1)
A Canteira

Sólida vitoria do filial na súa estrea en Abanca Balaídos | Celta Fortuna 2-0 Arenas Club

RC Celta

O Celta Fortuna estreou a súa tempada en Abanca Balaídos cunha vitoria convincente. Os de Fredi Álvarez sumaron tres puntos de ouro ante o Arenas Club (2-0) nun encontro no que foron superiores de principio a fin, amosando solidez, ambición e pegada no seu primeiro partido do curso no templo celeste.

A primeira parte non puido comezar mellor para os locais. Apenas entraban os celtistas polos tornos cando Ángel Arcos filtrou un pase exquisito que Óscar Marcos transformou no 1-0 no primeiro minuto. O gol incendiou aos celestes, que buscaron ampliar a renda cun Hugo González moi activo. O Arenas tentou reaccionar, pero as súas chegadas chocaban unha e outra vez coa seguridade de Coke Carrillo, decisivo baixo paus para manter a portería a cero. A única polémica do encontro chegou nunha acción dentro da área celeste que o árbitro, tras revisar, resolveu como legal ao impactar o balón no costado de Anxo Rodríguez.

O guión repetíuse tras o descanso, cun Fortuna dominador e un Arenas que buscaba osíxeno sen puntería. Os celestes foron acumulando ocasións ata que, xa no tempo engadido, Ángel Arcos puxo a rúbrica ao seu gran partido cunha galopada que pechou o choque co 2-0 definitivo, desatando a euforia en Balaídos.

Con esta vitoria, o Celta Fortuna arrinca con forza na casa e deixa claro que o equipo está listo para grandes retos; o próximo será ante o Arenteiro, o sábado 27 de setembro ás 16:15h, onde buscarán prolongar o seu bo momento.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta b Celta Fortuna Novas canteira Novas celta b

Noticias recomendadas