fortuna
Celta Fortuna

O Celta Fortuna imponse ao Arenteiro e encadea o seu terceiro triunfo (2-1)

RC Celta

O Celta Fortuna continúa demostrando a súa mellor versión neste arranque de tempada cunha gran vitoria ante o CD Arenteiro, a terceira consecutiva para un equipo que sumou 10 dos primeiros 15 puntos da Primera Federación.

O estadio de Barreiro foi o escenario do primeiro derbi galego do curso onde o conxunto de Fredi Álvarez soubo sobrepoñerse ás dificultades para reafirmar as súas boas sensacións. Comezou dominando o Arenteiro que rapidamente se apropiou do ritmo do partido, presionando arriba e incomodando a saída de balón do Fortuna. Con todo, o filial foi crecendo co paso dos minutos e as primeiras ameazas chegaron a través de Ángel Arcos e de Hugo González que a piques estivo de estrear o marcador aos 15 minutos. O que finalmente si o estrearía, superada a media hora, sería Álvaro Marín que, nunha xogada ensaiada, enviaba ao segundo pau un saque de esquina prolongado por Hugo Burcio. O atacante navarro anotaba desta maneira o que é o seu primeiro gol coa camisola celeste. Precisamente un gol que serviu para romper o partido e dar confianza a un Celta Fortuna que mesmo puido ampliar a súa vantaxe antes do descanso.

Na segunda metade, o guion volveu repetirse. O conxunto visitante asinou un mellor inicio que supuxo a posterior reacción celeste. O Arenteiro empataba o encontro desde os once metros, tras unha polémica acción na que Jordan caeu derrubado na área. Mingo converteu a pena máxima, devolvendo as táboas ao marcador. Lonxe de virse abaixo, o filial celeste respondeu aos escasos minutos. Joel López anotou o 2-1 definitivo cun preciso disparo cruzado tras unha gran acción individual de Óscar Marcos.

O tramo final do encontro foi de auténtica resistencia. O Arenteiro envorcouse en ataque en busca do empate, pero topouse cun Celta Fortuna que non pensaba deixar marchar os tres puntos do seu casilleiro.

Con esta vitoria, o filial encadea tres triunfos consecutivos, sumando xa 10 puntos de 15 posibles e afianzándose na zona alta da táboa. O equipo continúa crecendo e xa se prepara para a próxima cita do calendario que os levará ata a Municipal Reina Sofía para enfrontarse ao Unionistas de Salamanca o vindeiro sábado, 4 de outubro, ás 18:30h.

FICHA TÉCNICA:

2 – Celta Fortuna: Coke Carrillo, Anxo Rodríguez, Pablo Meixús, Joel López, Pablo Gavián, Andrés Antañón (Capde, min. 70), Hugo Burcio, Ángel Arcos (Milla, min. 70), Hugo González (Iago Barreiros, min. 80), Álvaro Marín (Luis Bilbao, min. 76) e Óscar Marcos.

1 – Arenteiro: Diego García, Jordan Sánchez, Eliseo (Ochoa, min. 62), Luca, Gorka, Diego Moreno; David Ferreiro (William, min. 82), Brais Val (Julen Jon, min. 82), Bastida, Dani González (Richarte, min.62) e Mingo.

Goles: 1-0, min. 36: Álvaro Marín. 1-1, min. 69: Mingo, de penalti. 2-1, min. 73: Joel López.

Árbitro: Pardeiro Puente. Mostrou cartón amarelo aos visitantes David Ferreiro, De Camargo, Bastida e Jordan.

Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada de Primera Federación disputado no Estadio de Barreiro ante 760 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas