WhatsApp Image 2025-10-06 at 01.46.46
Novas primeiro equipo

O Celta suma un punto ante o Atlético nunha noite histórica para Iago Aspas

RC Celta

Abanca Balaídos gardou un emotivo minuto de silencio en memoria do socio número 3 do Celta antes do inicio do encontro. Con ese respecto aínda no ambiente, comezou un partido que rematou cun reparto de puntos entre o Celta e o Atlético de Madrid (1-1) na oitava xornada de LALIGA EA SPORTS. O equipo celeste sumou un punto ante un rival esixente nun día no que celebraba un momento especial para o seu capitán, Iago Aspas, quen igualou a Manolo “O Gran Capitán” como o xogador con máis partidos oficiais na historia do club, con 533.

O encontro arrincou cun golpe inesperado para o conxunto vigués. No minuto 6, Carl Starfelt desviou de forma desafortunada un centro rojibranco cara á súa propia portaría e adiantou ao Atlético. Os de Simeone dominaron os primeiros compases, manexando o ritmo e o control do xogo, pero o guión cambiou xusto antes do descanso. No minuto 40, Clément Lenglet foi expulsado por dobre amarela, deixando aos madrileños cun xogador menos e abrindo o partido a unha segunda metade completamente distinta.

Tras o descanso, o Celta deu un paso adiante. O equipo fíxose dono do balón, empurrado por unha afección que non deixou de animar. A insistencia atopou o seu premio no minuto 68, cando Iago Aspas, sempre no lugar preciso, aproveitou un rexeite dentro da área, despois dunha intervención do gardameta, e marcou o tanto do empate. Co 1-1 no marcador, o Celta mantivo a presión ata o final, buscando un segundo gol que non chegou. O Atlético, ordenado en defensa, resistiu con un xogador menos e apoiouse nun inspirado Oblak, que evitou a remontada con varias paradas decisivas.

O conxunto vigués afrontará agora un parón ligueiro con boas sensacións e cun compromiso solidario á vista. Este mércores 8, Abanca Balaídos acollerá o encontro benéfico “Xuntos contra o lume”, antes de volver á competición fronte á Real Sociedad.

FICHA TÉCNICA:

1 – Celta: Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso; Carreira (Moriba 84), Damián, Beltrán (Hugo Álvarez 55′), Mingueza; Swedberg (Bryan Zaragoza 63′), Jutgla (Aspas 63′) e Borja Iglesias (Durán 84′).

1 – Atlético de Madrid: Oblak; Llorente, Le Normand, Lenglet, Hancko; Giuliano (Molina 82′), Koke (Gallagher 77′), Barrios, Nico González; Griezmann (Galán 46′) (Baena 77′) e Julián Álvarez (Sorloth 82′).

Goles: 0-1 (Starfelt p.p. 6′); 1-1 (Aspas 68′).

Árbitro: César Soto (Comité riojano). Amonestou ao local Borja Iglesias (65′), ao visitante Baena (78′) e expulsou por dobre cartón amarelo a Lenglet (25′, 40′).

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 8 de LALIGA EA SPORTS disputado en Abanca Balaídos ante 20.877 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas