O Celta e a Real Federación Galega de Fútbol unen forzas nunha gran cita solidaria: “Xuntos contra o lume”, un partido benéfico para apoiar a reforestación dos montes galegos arrasados polos incendios, especialmente na provincia de Ourense.
O encontro, que terá lugar este mércores 8 de outubro ás 20:00h en Abanca Balaídos, enfrontará ao primeiro equipo do Celta cunha Selección de Ourense formada por xogadores convocados pola RFGF.
Para todos aqueles que non comprasen aínda a súa entrada, poden facelo AQUÍ por un prezo de 10 euros. Lembramos que para este encontro non será válido o Carné Celtista Abonado, nin ningunha das súas variantes. Para quen non poidan asistir, habilítase unha Fila 0 e unha conta bancaria para colaborar con doazóns: Bizum 12649.
Ademais, ambos os equipos vestirán un equipamento especial deseñado para esta causa, que tamén estará dispoñible na tenda oficial. Tras o encontro, as camisetas usadas e asinadas poxaranse, destinando o 100% do recadado a proxectos de reforestación en Ourense.
Desde o club animámosvos a que veñades, colaboredes e formedes parte deste proxecto que vai máis aló do Celta, vai por Galicia.
Xuntos contra o lume.