hugo ou
Novas primeiro equipo

Hugo Álvarez: “Espero que o celtismo nos acompañe e axudar o máximo posible”

RC Celta

Este mércores, o fútbol e a solidariedade daranse a man en Abanca Balaídos coa celebración do partido benéfico “Xuntos Contra o Lume”, que enfrontará ao Celta cunha Selección de Ourense. Un encontro cun claro obxectivo, recadar fondos para a reforestación das zonas afectadas polos incendios que arrasaron Galicia este verán.

Un dos xogadores que saltará ao terreo de xogo será o canteirán Hugo Álvarez, natural de Ourense, que compareceu ante os medios emocionado e ilusionado de poder formar parte deste evento tan especial, “foi moi duro ver como ardían os nosos bosques polo que poder achegar o noso gran de area neste partido é un orgullo”.

Hugo tamén quixo destacar a importancia do respaldo da afección celeste e fixo un chamamento a toda Galicia, “será un partido moi especial para todos os que sentimos a nosa terra. Animo a todo o mundo a vir a Abanca Balaídos, a gozar do fútbol e a axudar entre todos a recuperar o que o lume arrasou”.

Durante a rolda de prensa, o futbolista luciu a camiseta oficial coa que o Celta disputará este encontro e que xa está dispoñible nas tendas oficiais do club. Todo o importe recadado coa súa venda será doado integramente á causa.

Uníndonos ás palabras de Hugo Álvarez animámosvos a todos a que participedes nesta causa e acompañédesnos mañá, mércores 8 de outubro ás 20:00 horas, en Abanca Balaídos. Faite xa coa túa entrada nos despachos de billetes do estadio ou a traves da nosa páxina web.

Xuntos devolverémoslle á terra todo o que a nosa terra nos dá.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Siguiente noticia

Noticias recomendadas