Manolo e Iago. Iago e Manolo. Dous nomes que xa forman parte inseparable da historia do Celta. Dúas xeracións distintas, dúas formas de entender o fútbol, un mesmo sentimento cara ao club da súa vida. Da nosa vida.
Esta fin de semana, no partido ante o Atlético de Madrid en Abanca Balaídos, Iago Aspas alcanzou unha cifra histórica. Nin máis nin menos que 533 partidos oficiais co Celta, igualando a Manolo Rodríguez, ata o de agora o futbolista que máis veces defendera o escudo do club.
Un bo momento para que Celta Media, nunha entrevista exclusiva, reúna a ambas as lendas celestes para unha conversación que reflicte unha historia compartida entre dúas xeracións que senten o Celta como unha extensión de si mesmos.
“A min deumo todo”, di orgulloso Manolo ante un Iago Aspas que sabe que está ante alguén que abriu o camiño, alguén a quen nunca deixará de admirar, “aínda que che poida superar en número de partidos, para min sempre seguirás sendo a maior lenda do club”.
Na entrevista, ambos repasan as súas traxectorias, os seus recordos, as súas cicatrices e os seus soños. Iago revive o seu primeiro día, ese que o cambiou todo, “sempre se me poñerá a pel de galiña cando lembro a miña estrea en Balaídos. Para min foi tocar a gloria”. E tamén mira cara atrás cunha espiña que, ata hai pouco, seguía cravada, “fai oito anos sufrimos moito a eliminatoria en Manchester. Quedoume a espiniña de volver xogar en Europa co Celta”. Hoxe, esa ferida xa está pechada. O Celta volve a Europa. E faino con Iago Aspas no campo, cumprindo a súa promesa. Manolo sábeo. Celébrao. E déixalle unha mensaxe que resume o que todos os celtistas sentimos, “desexo que siga habendo moitos xogadores da canteira, e que o sigan facendo contigo ao seu lado, que es o mellor que lle puido pasar á historia do Celta”.
Manolo e Iago. Iago e Manolo. Xuntos lémbrannos por que somos celtistas. Porque o Celta non se elixe. O Celta séntese. Porque hai amores que duran unha vida.
Grazas, Manolo. Grazas, Iago.