
Esta mañá, o Salón Regio da Sede acolleu a rolda de prensa de renovación de Iago Aspas. O capitán do primeiro equipo estivo acompañado pola presidenta, Marián Mouriño, e polo director deportivo do Celta, Marco Garcés.
Nun ambiente próximo e distendido, Marián abriu o acto destacando que “é un orgullo e unha satisfacción presentar hoxe esta renovación. Queriamos propoñer unha saída cómoda, onde Iago estivese tranquilo, así que grazas por facelo posible. Grazas por todo o que nos dás, non só no verde, senón tamén na protección e no coidado da canteira, na imaxe e no que representas para o club e para o celtismo. Estou moi contenta de presidir un ano máis con Iago e de que o teñamos aquí”.
Pola súa banda, Marco tamén quixo unirse “a ese ánimo de celebración. Contar con el no campo un ano máis é marabilloso. Creo que ter unha lenda xogando outro ano é unha alegría para todos”.
Por último, Iago tomou a palabra para agradecer o cariño recibido e compartir as súas sensacións tras a renovación, nunha comparecencia na que destacou que sempre pensou no seu “benestar e no da súa familia, pero tamén no do club… Esta foi unha tempada preciosa, marabillosa, como dicía o míster, de matrícula de honra, e queremos volver repetila”.
Se queres escoitar todo o que dixo o canteirán na súa rolda de prensa de renovación, dálle ao play e non perdas ningún detalle.
https://www.youtube.com/live/HaNvkOPr29w?si=HL6xJ1UX8utqEHrA