Borja Iglesias foi elixido pola afección celeste como o primeiro gañador do premio MVP Estrella Galicia da tempada, que recoñece ao mellor xogador do Celta no mes de setembro. O dianteiro impúxose nas votacións a Andrei Radu e Iago Aspas, confirmando o seu gran estado de forma desde o seu regreso definitivo a Vigo.
“Esperaba estar ben, pero non estar tan acertado. Moi contento por iso e con ganas de seguir por este camiño”, asegurou Borja ao recibir o galardón. O ‘Panda’ destacou que está “moi orgulloso e moi feliz” pola súa serie goleadora, aínda que recoñece que “me gustaría que chegase con mellores resultados e máis vitorias, pero traballaremos para conseguilo”.
O galego falou ademais sobre este inicio de curso, que cualificou como “especial, distinto e un pouco máis duro polas viaxes e horarios, pero moi ilusionante”. Co equipo competindo en Liga, Europa League e Copa do Rey, Borja confesou que “xogar co Celta en Europa é moi especial, pensaba que igual non o podería vivir na miña carreira. Estou moi ilusionado por este momento que compartimos coa afección e o plantel”. Sobre a Copa, asegurou que é “unha competición especial, complexa, pero moi ilusionante e con moitas expectativas postas nela”.
Antes de pechar, tivo palabras de agradecemento para a afección. “Grazas por todo e animarvos a que sigades aí connosco. Seguro virán moitas cousas que gozar xuntos”, asegurou.
Parabéns, Borja!