
O Celta levou de Mendizorroza unha vitoria importante, un 0-1 que chegou desde o punto de penalti e que reforza o bo momento do equipo lonxe da casa. Iago Aspas non fallou nunha acción decisiva e o conxunto de Claudio Giráldez volveu amosar ese paso adiante que está dando nas últimas xornadas. O partido non comezou doado, cun Alavés máis metido e un Celta que tardou en encontrarse, pero o equipo soubo medir os tempos ata gañar peso coa pelota e asentarse en campo rival.
A primeira parte foi espesa, con moita disputa e pouca claridade arriba. O Alavés tentou empurrar nos primeiros minutos, pero sen traducilo en ocasións claras. O Celta respondeu con calma, intentando progresar polas bandas e manter o balón cando podía, aínda que a sensación era que faltaba un pouco máis de ritmo para romper o guión. Chegouse ao descanso con todo por decidir.
Tras a reanudación, o panorama cambiou. O Celta saíu con máis intención, máis decidido a instalarse en campo contrario e a obrigar o Alavés a correr cara atrás. Ese empuxe tivo recompensa cando Aspas caeu dentro da área e o árbitro sinalou penalti. O capitán asumiu a responsabilidade e marcou o 0-1 con tranquilidade. A partir de aí, os locais buscaron o empate con máis insistencia, pero os celestes sostiveron ben a vantaxe, serios atrás e sen perder a calma nos últimos minutos.
Con este triunfo, o equipo suma confianza antes de centrarse no seu duelo europeo ante o Ludogorets. Despois, volverá a Abanca Balaídos para recibir ao Espanyol na próxima xornada ligueira, co obxectivo de manter esta boa dinámica.
FICHA TÉCNICA:
0 – Deportivo Alavés: Sivera; Otto (Guevara, min. 81), Tenaglia, Pacheco, Yusi; Carlos Vicente (Ibáñez, min. 62), Blanco, Denis Suárez (Mariano, min. 81), Aleñá (Abde, min. 61); Toni Martínez (Guridi, min. 90) e Lucas Boyé.
1 – Celta: Radu; Marcos Alonso, Starfelt (Aidoo, min. 73), Javi Rodríguez; Rueda (Mingueza, min. 66), Beltrán, Moriba, Carreiras; Durán (Iglesias, min. 73), Bryan Zaragoza (El-Abdellaoui, min. 83) e Iago Aspas (Román, 73).
Árbitro: Martínez Munuera (comité andaluz). Amonestou con cartón amarelo aos locais Otto e Pacheco e aos visitantes Javi Rodríguez e Rueda.
Gol: 0-1, min. 53: Iago Aspas, de penalti.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 13 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio de Mendizorroza ante 16.582 espectadores.