
O Salón Regio de A Sede acolleu esta tarde a Xunta Xeral de Accionistas do Celta da tempada 25/26, na que estiveron representadas un total de 257044 accións, que supoñen o 68,2% do capital social. A Xunta aprobou o informe de xestión e as contas anuais da pasada campaña nunha xornada que puxo o peche ao segundo ano á fronte da presidenta, Marián Mouriño, e do seu consello.
Os accionistas aprobaron o informe de xestión, a xestión do consello de administración, as contas anuais da pasada campaña e o estado de información non financeira, todo iso con máis do 99,9%. Do mesmo xeito que o orzamento da presente tempada, que ascende a 124 millóns de euros, e que tamén obtivo o 99,9% de apoio dos votos.
A presidenta celeste, Marián Mouriño, abriu a Xunta coas seguintes palabras:
“Boas tardes a todas e todos:
Esta é a terceira Xunta de Accionistas que presido e fágoo con moita ilusión e orgullo. Ilusión de seguir vendo esa conexión co celtismo e orgullo porque entre todas e todos conseguimos unha tempada na que XUNTOS, VOLTAMOS A Europa.
Cando asumín a presidencia do Celta, fíxeno cun obxectivo claro: afianzarnos na nosa identidade e nas nosas raíces, para amosar con orgullo quen somos e que representa o celtismo.
Hoxe podemos dicir que o Celta se converteu nun símbolo de pertenza, de sentimento e de identidade. Podemos estar orgullosos de representar a Galicia, a través das nosas costumes, poñendo en valor o noso Entroido, a nosa música, as nosas vendimas heroicas ou apoiando aos nosos celtistas de Ourense cando máis o precisaban.
Porque, sen dúbida, co que me quedo da pasada tempada é esa profunda conexión co celtismo que nos levou a converter Abanca Balaídos nun auténtico fortín, acadando uns datos de aforo históricos. Unha comuñón que se viu reflectida tamén nesa romaría no último partido na casa, no desprazamento masivo a Valladolid e, por suposto, nun Coliseum que se tinguiu de celeste para ver a Iago marcar ese gol que certificaba o noso regreso a Europa. Un gol que, como non podía ser doutra maneira, celebrabamos todas e todos xuntos nunha Praza América ateigada.
Esta profunda conexión ten como resultado unha familia que non deixa de medrar e na que, hai apenas uns días, acadabamos a cifra histórica de 40.000 celtistas co nacemento do pequeno Roi, reflexo da canteira dun sentimento que se herda de xeración en xeración.
Doutra banda, por suposto, foi un ano esixente, cheo de retos pero tamén de obxectivos cumpridos. E iso só é posible cando existe un equipo implicado, comprometido e que cre no proxecto. Neste sentido, tamén me gustaría poñer en valor e agradecer o traballo de todos os directores de área e de todas as persoas que forman parte do club.
A nivel competitivo foi unha tempada moi especial. A primeira de As Celtas, que nos levou a celebrar dous ascensos dos dous primeiros equipos e a seguir avanzando neste proxecto con paso firme. Do mesmo xeito, tanto o Celta Fortuna como as categorías inferiores deron un paso adiante na aceleración de procesos, o que ten como resultado unha xeración de xogadores e xogadoras que reforzan o noso camiño e a nosa aposta polo talento Feito na Madroa.
Un talento que vimos debutar na elite a través de numerosos canteiráns que, unido ao compromiso de moitos xogadores que senten as nosas cores como propias, lograron o regreso do Celta a competicións europeas.
No ámbito económico, é certo que aínda non acadamos esa consistencia económica que buscamos, pero quero trasladarvos unha mensaxe clara: o club é solvente e seguimos avanzando con pasos firmes e seguros.
Desta maneira, miramos ao futuro con ilusión e coa convicción de que estamos a piques de dar un salto decisivo co proxecto máis transformador da nosa historia: Celta360. Grazas ao acordo que acadamos esta tempada coas Comunidades de Montes, e ao cumprimento de todos os trámites, o proxecto conta xa con luz verde e pouco a pouco medra da terra da Afouteza.
Celta360 é un proxecto ambicioso que impulsará o crecemento da nosa canteira, a formación, a atracción de talento e a innovación no deporte. Entramos agora nunha fase crucial: a financiación. E quero aproveitar esta intervención para anunciar unha iniciativa pioneira no fútbol español: abriremos parte desta financiación ao celtismo, porque queremos, como todo o que facemos, que formedes parte deste crecemento e poidades participar nun Bono Celtista, que permitirá que este proxecto sexa un proxecto de todas e todos.
Proximamente darémosvos os detalles, pero asegúrovos que é unha medida que volverá demostrar o fortes e unidos que estamos. Porque Xuntos Somos Máis Fortes, e así construímos un Celta que será referente e motor deportivo non só en Galicia, senón en toda Europa.
Moitas grazas”.
Pola súa banda, o director financeiro, Miguel Ángel Amo, presentou os resultados económicos da tempada anterior e o orzamento previsto para a seguinte. Subliñou as cifras consolidadas de ingresos e gastos, explicou os avances na xestión institucional do club e detallou as iniciativas que se porán en marcha para fortalecer a súa proxección internacional, ademais de garantir a súa estabilidade económica e deportiva.
Tras iso, o director de infraestruturas e relacións institucionais do club, Carlos Cao, falou sobre Celta360, un complexo actualmente en proceso de construción, aprobado como PIA esta tempada e que aspira a ser unha institución dedicada á formación, á innovación, á saúde, ao deporte, ao lecer e ao turismo. Un espazo de vangarda que poña en valor, a nivel nacional e internacional, a contribución de Galicia nestes ámbitos co obxectivo de converter o club nun referente global.
A continuación interveu Marco Garcés, director de fútbol do Celta, que ofreceu unha análise detallada da actual plantilla, centrada no seu rendemento durante a última campaña, así como na súa evolución e futuro. Ademais, quixo subliñar a aceleración de procesos construída nos últimos tempos baseada no impulso á canteira e o seu impacto positivo, coa integración de numerosos mozos celestes na dinámica do primeiro equipo.
Reforzando esta idea de progreso, Humberto Lede, coordinador de As Celtas, falou sobre o nacemento do equipo, analizando a tempada 24/25 e o plantexamento da 25/26 de todas as categorías.
A Xunta concluíu cunha quenda de rogos e preguntas por parte dos accionistas, onde Marián Mouriño respondeu con detalle ás inquedanzas expostas, especialmente arredor da situación financeira e deportiva.
