
O Celta e a Fundación Celta celebraron esta tarde o X aniversario de Celta Integra nunha gala moi especial no Auditorio de Afundación de Vigo. Un encontro cargado de emoción ao que asistiron todas as categorías do proxecto, xogadores e corpos técnicos, representantes do club, membros do primeiro equipo e de As Celtas, traballadores do Celta, diferentes autoridades e a presidenta, Marián Mouriño, que abriu o acto cunhas emotivas palabras: “coñecervos foi, de verdade, unha das experiencias máis bonitas da miña vida. Fixéstesme cambiar a forma de ver as cousas, e ensinástesme por que o fútbol e o Celta teñen un poder tan transformador. Todas as persoas que formades parte do Celta Integra sodes o verdadeiro corazón do noso club“.
A gala estivo chea de sorpresas e tivo como momento central a presentación do documental conmemorativo creado por Celta Media, unha peza que repasa unha década de dedicación, inclusión e sentimento celeste. Os seus creadores, Andrés Montenegro e Sebastián García, compartiron detalles do proceso antes de que o auditorio asistise en primicia ao visionado deste traballo, que se estreará durante o Nadal.
O evento continuou coa entrega de premios aos xogadores de Veteranos Integra, Veteranos Escolas, Promesas e Futuras Promesas, un recoñecemento capitaneado por unha auténtica lenda do Integra, Samu Comesaña. Xunto a el participaron os xogadores do primeiro equipo Damián Rodríguez, Borja Iglesias e Óscar Mingueza, ademais de representantes institucionais como Germán Arteta, director da Fundación; Pablo Roig, director de Operacións de Zelnova Zeltia; Yolanda Aguiar, concelleira de Benestar Social; e Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade.
Tamén foron homenaxeados Fran Díaz, delegado de Celta Integra; Juan Diego Fernández, exentrenador do proxecto; Álex Abalde, excoordinador; e Clemente Villaverde, presidente da Fundación LaLiga e responsable de LaLiga Genuine.
A celebración concluíu cunha gran foto de familia e un cátering para brindar por dez anos de vida, talento e integración, e por todos os que están por vir.
Longa vida ao Celta Integra!
