
O Celta despedíuse da Copa do Rei tras un partido longo e moi competido ante o Albacete que se decidiu, unha vez máis, na tanda de penaltis. Os celestes lograron remontar o tanto inicial dos locais e chegaron a verse co billete na man, pero un gol no tempo engadido obrigou á prórroga e, posteriormente, unha serie desde os once metros acabou decantando a balanza do lado manchego.
A primeira parte foi espesa para o conxunto vigués, ao que lle custou xerar perigo claro e atopar ritmo co balón. O Albacete, máis práctico, aproveitou unha das súas chegadas para adiantarse no marcador no minuto 17 por medio de Betancor. O Celta intentouno sen demasiada claridade e marchouse ao descanso por detrás, coa sensación de precisar máis precisión nos últimos metros.
Tras o paso polos vestiarios, o equipo deu un paso adiante. Un gol de Borja Iglesias foi anulado por fóra de xogo, pero a insistencia tivo premio pouco despois cun cabezazo de Yoel Lago, tras un saque de esquina de Miguel Román (1-1). O Celta continuou crendo e conseguiu culminar a remontada no minuto 75 cun gran tanto de El Panda, que definiu con calidade tras un centro medido de Óscar Mingueza. E xusto cando o partido parecía encamiñado e se achegaban os últimos segundos, o Albacete apretou e atopou o empate a través dun cabezazo de Jesús Vallejo que levou o encontro á prórroga.
No tempo extra houbo ocasións para ambos equipos, con boas intervencións dos porteiros, pero o marcador non se moveu. Na tanda de penaltis, o Albacete estivo máis acertado e selou a súa clasificación, poñendo fin ao camiño copero do Celta esta tempada.
Agora, o conxunto celeste pasa páxina e centra todos os seus esforzos en pechar o ano na Liga, coa visita ao Carlos Tartiere para enfrontarse ao Oviedo o próximo sábado ás 14:00 horas.
FICHA TÉCNICA:
Albacete Balompié: Lizoain; Lorenzo (Fran Gámez, min. 95), Javi Moreno, Neva (Agus Medina, min. 81), Jogo; Valverde (Morci, min. 71), Javi Villar (Riki, min. 71), Capi (Jesús Vallejo, min. 58), Ale Meléndez; Eschiche e Jetfé (Puertas, min. 58).
Celta: Iván Villar; Javi Rodríguez, Yoel Lago (Carl Starfelt, min. 81), Mihailo Ristic (Manu Fernández, min. 46), Óscar Mingueza; Javi Rueda (Borja Iglesias, min. 46 – Ferran Jutglá, min. 95), Hugo Sotelo (Miguel Román, min. 46), Hugo Álvarez, Ilaix Moriba; Iago Aspas e Jones El-Abdellaoui (Williot Swedberg, min. 73).
Árbitro: José Luis Guzmán. Mostrou cartón amarelo aos locais Puertas e Escriche; e aos visitantes Javi Rueda e Yoel Lago.
Goles: 1-0, m. 17: Jefté; 1-1, m. 55: Joel Lago; 1-2, m. 64: Borja Iglesias; 2-2, m. 94: Jesús Vallejo.
Incidencias: Eliminatoria de decimoseisavos de final de Copa del Rey que se disputou a partido único no Carlos Belmonte ante 12.106 espectadores.