
Anxo Rodríguez, xogador do Celta Fortuna, foi convocado por primeira vez coa selección española sub-19, un recoñecemento ao excelente momento de forma que está a atravesar o defensa esta tempada.
Tras debutar o curso pasado co filial celeste, foi nesta campaña cando Anxo consolidouse como unha peza fundamental no esquema de Fredi Álvarez en Primeira Federación. O canteirán foi titular en 17 dos 18 encontros disputados ata a data, completando 13 deles, e converteuse no segundo xogador de campo con máis minutos do equipo, só por detrás de Pablo Meixús. A súa regularidade e fiabilidade defensiva permitíronlle dar un paso adiante e asinar unha tempada sobresaliente, na que xa anotou o seu primeiro gol ante o Osasuna Promesas.
Este rendemento non pasou desapercibido nas categorías inferiores da selección española que incluíron a Anxo na convocatoria do combinado sub-19 para o partido que os enfrontará a Italia o vindeiro mércores, 14 de xaneiro ás 14.00 horas, no complexo da FIGC en Coverciano (Florencia, Italia). Trátase dunha cita importante para o equipo dirixido por Paco Gallardo que se atopa inmerso na loita por clasificarse para o Campionato de Europa sub-19 de 2026.
Xunto a Anxo Rodríguez, tamén repite na convocatoria Andrés Antañón, o que reforza o gran traballo que se está realizando no Celta Fortuna e o notable nivel competitivo que alberga A Canteira.