WhatsApp Image 2026-01-23 at 23.30.37
A Canteira

Empate do filial celeste ao límite e con dez | Celta Fortuna 3-3 Zamora CF

RC Celta

O Celta Fortuna rescatou un punto ante o Zamora CF en Abanca Balaídos. O filial celeste pasou de dominar con dous goles a favor a verse por detrás, pero conseguiu empatar cando todo parecía perdido.

O equipo de Fredi Álvarez levaba o peso do xogo na primeira metade, cun dominio que tivo premio no minuto 26 a través de Ángel Arcos, quen provocou un penalti que Pablo Meixús transformou no 1-0. Co marcador aberto, os celestes mantiveron o control, firmes en defensa e con Coke Carrillo seguro baixo paus. Aguantaron deste xeito ata o tempo engadido, cando un córner botado por Dela permitiu a Anxo Rodríguez, tras un rexeite, subir o 2-0. Semellaba que así quedaría o luminoso ao entrar aos vestiarios, pero Carbonell recurtou distancias no último suspiro.

Tras o descanso, o Zamora aumentou a presión, freando o xogo local, e no minuto 56, de novo a través das botas de Carbonell, conseguiu igualar o partido, gañando cada vez máis terreo. Ese dominio tivo continuidade e traduciuse no 3-2 pouco despois, cando Kike Márquez culminou a remontada. O filial celeste vivía entón unha segunda parte moi complicada, que se rematou de torcer coa polémica expulsión de Óscar Marcos no desconto. A pesar de todo, os de Fredi non baixaron os brazos e, no último saque de esquina, xa no 90+8, Álvaro Marín asinou o 3-3 definitivo cun remate acrobático.

Este empate permite ao Celta Fortuna mantenerse na parte alta da clasificación e volve amosar o carácter do equipo, capaz de competir e sacar un punto cando todo parecía en contra. Os celestes céntranse agora no seguinte compromiso ligueiro, que será ante o Unionistas o próximo sábado 31 de xaneiro ás 16:00 h.

FICHA TÉCNICA:

3 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Quique Ribes (Jaime Vázquez, min 46), Pablo Meixús (Oliveras, min 82), Anxo Rodriguez; Milla, Dela, Capde (Khayat, min 75), Ángel Arcos; Antañón (Álvaro Marín, min 72), Somuah (Iago Barreiros, min 82) e Óscar Marcos.

 3 – Zamora CF: Fermín; Luismi Luengo, Ismael Athuman, Miki Codina, Dani Merchán; Farrell (Burón, min 63), Carlos Ramos (Sergio, min 85), Markel Lozano, Sancho; Kike Márquez (Mario, min 85) e Carbonell (Losada, min 79).

Goles: 1-0, min 23: Pablo Meixús de penalti. 2-0, min 45+7: Anxo; 2-1, mkn 45+8: Carbonell. 2-2, min 56: Carbonell. 2-3, min 69: Kike Márquez. 3-3, min 99: Álvaro Marín.

Árbitro: Manuel García (Badajoz). Mostrou cartón vermello directo a Óscar Marcos (min 92) e cartón amarelo a Jaime, Dela e Barreiros.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada número 21 da Primeira RFEF disputado en Abanca Balaídos ante 760 espectadores. Antes do inicio gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas dos accidentes ferroviarios ocorridos esta semana.

 

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta b Celta Fortuna Novas canteira Novas celta b

Noticias recomendadas