Williot
Novas primeiro equipo

Williot Swedberg, MVP Estrella Galicia do mes de decembro

RC Celta

O celtismo elixiu a Williot Swedberg como MVP Estrella Galicia do mes de decembro, un recoñecemento que premia o excelente rendemento do atacante sueco e que resalta os valores de esforzo e inconformismo que comparten a icónica cervexa de Hijos de Rivera co Celta.

Poderiamos dicir que decembro foi un mes case redondo para Williot que tivo un papel protagonista en varios momentos clave do equipo. Sen dúbida, destaca a histórica vitoria do Celta ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu onde Williot Swedberg anotaba un dobrete para o recordo. Un encontro que se viviu con moita intensidade, moitas emocións, pero do que o propio xogador recoñece que “é pura felicidade, pero nese momento estás tan concentrado que é difícil sentir algo”.

Decisivo tamén no triunfo ante o Athletic de Bilbao para pechar o ano 2025 en Abanca Balaídos, Williot opta por manter os pés no chan e centrarse en seguir traballando, “o fútbol non para, estou moi feliz por todo o que pasou, pero teño que seguir mellorando”.

O bo rendemento individual de Williot Swedberg únese ao positivo inicio de ano do conxunto dirixido por Claudio Giráldez que encadenou seis xornadas de Laliga sen coñecer a derrota. Neste sentido, o atacante sueco pon o foco no colectivo afirmando que “estamos a facer moi bo traballo, xogando ben e gozando do fútbol e da vida”.

A esta boa dinámica súmase a recente vitoria ante o LOSC Lille en Abanca Balaídos, que certificou a clasificación celeste para os dezaseisavos de final da Europa League. Un triunfo que reforza a ilusión do vestiario para todo o que vén, tal e como recoñece Swedberg, “estamos moi ilusionados por todo o que vai vir e xuntos imos gozar de moitas noites bonitas de fútbol en Abanca Balaídos”.

Por último, Williot quixo agradecer o apoio recibido tras ser elixido MVP Estrella Galicia do mes de decembro, “o trofeo é para todos, grazas á afección por apoiarme e estar connosco cada día”.

Un recoñecemento moi merecido que pon o broche a un mes sobresaliente para Williot e que reforza a boa dinámica do Celta neste inicio de ano.

Parabéns, Kraken!

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas