r
Celta Integra

R renova unha tempada máis o seu compromiso co Celta Integra Zelnova

RC Celta

A Fundación Celta e o operador galego R renovaron máis un ano o seu acordo de colaboración nun acto celebrado no Salón Rexio de A Sede. Ao encontro acudiron o director da Fundación Celta, Germán Arteta, o director de R e de MasOrange en Galicia, Alfredo Ramos, e Rubén Martínez, membro do patronato da Fundación, ademais de membros do equipo e corpo técnico do Celta Integra Zelnova, o que deu imaxe ao valor social deste proxecto.

O convenio revalida o compromiso de R co club e subscribe o seu apoio ao equipo de fútbol Celta Integra para contribuír á mellora constante e á adaptación social do equipo e dos seus integrantes, do colectivo D.I. (con discapacidade intelectual). Deste xeito, dáse percorrido ao apoio do operador galego a este conxunto que compite en LaLiga Genuine, a iniciativa de LaLiga dirixida a persoas D.I. Un apoio incondicional para avanzar na inclusión, a integración social e a promoción de hábitos saudables a través do deporte.

Germán Arteta, director da Fundación Celta, salientou a importancia desta relación continuada: “Agradecemos a R o seu apoio constante e a súa implicación incondicional. A súa colaboración foi decisiva para reforzar a visibilidade do noso proxecto e para impulsar iniciativas que fomentan o desenvolvemento persoal e social dos nosos xogadores. Este compromiso inspira a seguir medrando e a avanzar cara a un deporte cada vez máis inclusivo e diverso”.

Pola súa parte, Rubén Martínez, membro do patronato da Fundación Celta, insistiu tamén no impacto humano do acordo: “O maior desexo destes mozos e mozas é gozar do fútbol, e proxectos como o Celta Integra Zelnova fan que ese soño sexa posible. O respaldo de R axúdanos a manter viva unha iniciativa que, ademais de deportiva, ten un enorme valor social. Oxalá sigamos camiñando xuntos moitos anos máis”.

O director de R, Alfredo Ramos, expresou a súa satisfacción por continuar con esta alianza:“En R estamos moi satisfeitos/as de contribuír, tempada tras tempada, a un proxecto que vai alén do fútbol. E sempre destacamos que o Celta Integra Zelnova nos brinda a oportunidade de impulsar valores como a solidariedade, o respecto, a deportividade e, sobre todo, a inclusión social. Revalidarmos hoxe esta colaboración é reafirmarmos a nosa convicción de que o deporte pode mellorar vidas e construír unha sociedade máis xusta e unida”.

Presenza de R na competición

Durante a tempada 2025-26 de LaLiga Genuine, o logotipo de R seguirá presente no equipamento oficial dos xogadores e do corpo técnico (manga dereita e peito), así como na web do Celta Integra Zelnova.

Esta visibilidade reflicte o compromiso compartido por ambas as dúas entidades de impulsar a mellora continua e o desenvolvemento social, neste caso dos/as xogadores/as do colectivo D.I. que compoñen o equipo.

Unha mensaxe inspiradora cargada de valores sobre a realidade do equipo recóllese no documental “Os que nunca se renden”, realizado no marco do programa Celta Integra Zelnova.

Oito tempadas apostando pola inclusión

LaLiga Genuine cumpre xa oito tempadas dende a súa creación, consolidándose coma un referente no binomio deporte+inclusión. Os partidos dispútanse en formato de Fútbol 8 —catro tempos de dez minutos— e a competición desenvólvese en catro fases celebradas en distintas sedes do territorio nacional. Ademais do marcador deportivo, o campionato premia a deportividade, o que subliña a importancia dos valores que sustentan esta iniciativa.

Sobre o Celta Integra Zelnova

O proxecto do equipo nace coa idea de achegar a persoas con discapacidade intelectual as escolas da Fundación Celta como ferramenta de desenvolvemento, adaptación e integración, fomentando rutinas e hábitos de vida saudables a través da práctica do deporte. O obxectivo principal é non ser só un equipo de fútbol, senón acadar un avance individual a escala social e persoal, ser máis responsables e independentes.

Sobre R

R é o operador de telecomunicacións líder de Galicia, que ofrece servizos de Internet, telefonía fixa, telefonía móbil, banda larga, televisión dixital e luz+gas. E para empresas e administracións públicas, R integra unha oferta completa de servizos dixitais avanzados: postos de traballo 100 % dixitais, ciberseguridade, ‘cloud’, IoT + solucións 5G e capacidades de datos + IA para sectores clave.

Como marca recoñecida con forte implicación local e líder en fibra óptica e servizos converxentes de telecomunicacións, R é a opción preferida nos fogares e empresas de Galicia alí onde ten despregada a súa rede de fibra óptica. Dende 2024 forma parte do grupo MasOrange, líder do sector das telecomunicacións en España por número de clientes, e é a insignia do grupo en Galicia, onde xa superou a cifra de 1,7 millóns de fogares cubertos coa fibra óptica máis avanzada do mercado e máis do 97 % da poboación con dispoñibilidade de acceso ao 5G. (R.gal)

RC Celta

Etiquetas

Celta Integra Fundación Celta

Noticias recomendadas