hugo
Celta Fortuna

O Celta Fortuna supera ao Unionistas e segue crecendo na zona alta (2-0)

RC Celta

O Celta Fortuna logrou un triunfo de enorme valor ante o Unionistas de Salamanca no estadio de Barreiro, nun partido moi bronco e con moita intensidade por ambas as partes. Con cinco xogadores xuvenís na convocatoria, o equipo de Fredi Álvarez reencontrouse coa vitoria tras tres xornadas sen gañar para alcanzar así os 41 puntos e afianzarse na segunda posición da táboa.

O encontro estivo marcado pola igualdade e unha intensidade constante que se prolongou ata os 109 minutos polas continuas interrupcións e a intervención do VAR nalgunha xogadas clave que foron caldeando o ambiente. O Celta Fortuna avisou pronto, mesmo antes do primeiro minuto, pero a defensa do Unionistas, ben organizada e esixente á presión, dificultaba calquera remate. Aínda así, os celestes estrelaron varios balóns na madeira e xeraron ocasións suficientes como para merecer algo máis antes do descanso.

Na segunda parte, o dominio local foi máis claro, aínda que nos primeiros compases o gol continuaba resistíndose. Era o momento de refrescar ao equipo e Fredi Álvarez recuperaba a un dos seus dianteiros tras lesión. Hugo González saltou ao terreo de xogo como un remuíño e resultou decisivo. Dinamizou o ataque, apareceu entre liñas e apenas uns minutos despois abriu o marcador cun preciso remate tras un centro de Ángel Arcos. O tanto, validado tras unha longa revisión, liberou a un filial que soubo xestionar a vantaxe pese ao intento de reacción visitante.

Xa no tempo engadido, o Celta Fortuna pechou o partido cunha gran acción colectiva, parede entre Hugo González e Dela e definición do segundo para sentenciar o encontro no minuto 101.

Un triunfo que reforza a confianza do filial celeste e subliña o excelente rendemento dun equipo novo que continúa crecendo. A seguinte cita no calendario levará ao Celta Fortuna ata o estadio de El Toralín (León) onde se enfrontarán á Ponferradina o vindeiro domingo, 8 de febreiro, ás 20:30h.

FICHA TÉCNICA:

2 – Celta Fortuna: Coke; Quique Ribes (Milla, min. 59), Pablo Meixús, Anxo; Pablo Gavián, De la Iglesia, Hugo Burcio (Capde, min. 67), Ángel Arcos (Luis Bilbao, min. 86): Andrés Antañón, Álvaro Marín (Hugo González, min. 59) e Bernard Somuah (Jorge Pérez, min. 86)

0 – Unionistas de Salamanca: Marco Coronas, Olmedo (Chibozo, min. 26), Gorjón, Farru, Juanje, Jota (De la Nava, min. 66), Álvaro Gómez, Murria (Masllorens, min. 82), Mounir, Pere Marco (Juanma, min. 66) e Aarón (Serpeta, min. 82).

Goles: 1-0, min. 76: Hugo González. 2-0, min 101: De la Iglesia.

Árbitro: Alexandre Alemán (Comité de Gran Canaria). Por parte do Celta Fortuna, mostrou cartolina amarela a Quique Ribes, Pablo Gavián, Andrés Antañón e a Ángel Arcos. Mentres que, por parte do Unionistas de Salamanca, foron amoestados con amarela Murria e Chibozo; ademais algúns integrantes do corpo técnico recibiron tarxeta vermella.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 de Primera Federación disputado no estadio de Barreiro ante 705 persoas.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas