
O Celta logrou unha importante vitoria por 1-2 no Toumba Stadium ante o PAOK no partido de ida dos dezaseisavos de final da UEFA Europa League. Os vigueses deixaron boa impresión en Grecia, cun inicio de partido moi sólido que lles permitiu marchar con vantaxe ao descanso grazas aos goles de Iago Aspas e Williot Swedberg, aínda que o conxunto grego apretou na segunda metade e recurtou distancias, mantendo así viva a eliminatoria da próxima semana.
Desde o inicio, o conxunto celeste impuxo o seu ritmo e atopou pronto premio. Aos 34 minutos, Aspas apareceu para abrir o marcador e acender a chispa celeste, facendo gala da súa experiencia nas noites europeas, tras un tacón exquisito de Miguel Román. E apenas uns minutos despois, Swedberg ampliou a distancia cun novo tanto que deixou ao PAOK tocado e ao Celta co control da primeira metade.
Tras o descanso, o encontro foi equilibrándose. Os locais reaccionaron con intensidade, impulsados por unha grada que non deixou de animar, en busca dun resultado que os mantivese con vida. A presión deu os seus froitos no minuto 77, cando Alexander Jeremejeff recurtou diferenzas e devolveu a tensión ao choque. Aínda así, o Celta soubo xestionar con oficio os minutos finais e asegurar o triunfo.
Con este resultado, os pupilos de Claudio Giráldez regresan a Vigo cunha renda valiosa, aínda que axustada, que deberán defender a próxima semana en Abanca Balaídos no partido de volta. A vitoria a domicilio abre o camiño, pero será en casa, co apoio do celtismo, onde o equipo buscará selar o billete aos oitavos nunha noite europea marcada pola ilusión.
FICHA TÉCNICA:
1 – PAOK: Tsiftsis; Kenny, Vogliacco (Michailidis, min.67), Lovren, Taylor (Baba, min.67), Camara (Chatsidis, min.67), Ozdoev, Zivkovic, Zafeiris, Taison; Jeremejeff.
2 – Celta: Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso, Carreira, Moriba, Miguel Román (Vecino, min.86), Mingueza (Javi Rueda, min.61), Aspas (Fer López, min.65), Williot (Hugo Álvarez, min.65) e Borja Iglesias (Jutglà, min.61).
Goles: 0-1, min.34: Aspas; 0-2, min.42: Williot; 1-2, min.77: Jeremejeff.
Árbitro: Ivan Kružliak (Eslovaco). Amonestou ao local Zivkovic (min.89) e aos visitantes Hugo Álvarez (min.67) e Javi Rueda (min.72).
Incidencias: Encontro de ida dos dezaseisavos de final da UEFA Europa League disputado no Toumba Stadium de Salónica ante 28.000 espectadores.