20260227_Renovacion_IzanServer-10
A Canteira

Izan Server renova e dará o salto ao Celta Fortuna a próxima tempada

RC Celta

O Celta alcanzou un acordo para a renovación de Izan Server, que será xogador do Celta Fortuna a próxima tempada. O gardameta do Xuvenil A amplía a súa vinculación co club cun contrato 3+2 e dará o salto ao filial celeste a partir do próximo curso.
Seguridade baixo paus e moita personalidade son dúas das características que mellor definen a Izan, porteiro hispano-canadense de enorme proxección e internacional coa selección sub-18 de Canadá. O mozo de 19 anos non deixou de crecer desde a súa chegada a Vigo o verán pasado procedente do Deportivo Alavés.

Durante a presente campaña, Izan gañouse a confianza do técnico Alberto Suárez, encadeando 21 titularidades e superando os 1.800 minutos defendendo a portería celeste. A súa regularidade foi clave nunha tempada histórica do Xuvenil A, que marcha segundo na División de Honra con 48 puntos e logrou clasificarse para a Final Four da Copa do Rey Xuvenil. O conxunto celeste disputará a semifinal ante o Real Betis o vindeiro mércores, 11 de marzo ás 18:30h., no Estadio Anxo Carro. Nesta competición, o percorrido foi brillante, disputando os seus tres encontros na Madroa ante rivais de máximo nivel como o Vilarreal CF, o Atlético de Madrid e o Athletic Club, todos eles participantes na Youth League.

Agora, Izan Server afrontará este ilusionante reto copeiro reforzado tras selar o seu compromiso co club e coa vista posta en todos os desafíos que ten por diante defendendo o escudo celeste.
Parabéns, Izan!

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Novas canteira

Noticias recomendadas