
O primeiro mes do ano xa ten protagonista no Celta. A afección celeste elixiu a Carl Starfelt como MVP Estrella Galicia de xaneiro, por diante de Sergio Carreira e Marcos Alonso. Un galardón que nace do voto do celtismo e que simboliza valores como o esforzo, o compromiso e o inconformismo, sinais de identidade que comparten o club e a histórica cervexa de Hijos de Rivera.
O central, que disputou 353 minutos repartidos en catro partidos e deixou unha pegada decisiva en cada un deles, non ocultou a súa emoción ao recibir este galardón. “Estou moi contento por recibir este recoñecemento, é moi especial, sobre todo porque vén da afección, e iso significa moito para min”, asegurou, agradecido polo apoio constante desde a bancada.
Starfelt quixo ir máis alá do plano individual e puxo o foco no grupo. “O equipo fixo un bo xaneiro e é xenial que os seareiros recoñezan este traballo”, explicou. O xogador recoñece que o vestiario deu un paso adiante tanto na Liga como na UEFA Europa League, e esa dinámica tamén o impulsa a nivel persoal tras un inicio de ano con algunha molestia física. “Atópome ben e creo que o equipo está competindo moi ben. Cando o equipo o fai ben, tamén é mellor para min”, afirmou.
Xaneiro deixoulle ademais unha noite especial, no duelo ante o Lille cando acabou marcando e asegurando a clasificación. “Foi un partido importante para pasar de rolda. Marcar ese gol e asegurar a vitoria deunos moi boas sensacións”, lembrou. O tanto chegou tras un saque de esquina, o primeiro que logra así esta tempada. “Foi o meu primeiro gol de córner este ano e espero marcar máis desta maneira”, confesou.
Ademais de lembranzas tamén falou sobre o futuro e sobre ese partido de oitavos de final da UEL no que o equipo se enfrontará ao Olympique de Lyon, coa ida en Abanca Balaídos e a volta en Francia. “Son un gran equipo, pero se nós temos un bo día, podemos ser grandes”, advertiu. Agarda unha eliminatoria intensa e atractiva para todos. “Será un bo duelo, especialmente na casa… Xogar unha rolda tan avanzada é un orgullo para calquera xogador”, destacou.
Antes de despedirse, lanzou unha mensaxe ao celtismo, asegurando que “hai que seguir adiante, coa enerxía do estadiocomo sempre, e oxalá poidamos continuar na LaLiga e na Europa League para vivir máis experiencias xuntos”, expresou.
Así pecha Carl Starfelt un xaneiro brillante, reforzado agora co recoñecemento de toda a afección. Un premio que confirma o seu gran momento e o crecemento dun equipo que quere máis.
Parabéns, Carl!