
O Celta continúa apostando pola cultura e pola música galega cunha nova actuación en Abanca Balaídos. A previa do Celta vs Real Madrid converterase nun escenario de raíces e tradición grazas á actuación de SonDeSeu.
A Orquestra Folk de Galicia fai un alto no seu camiño, deixando momentaneamente os preparativos do seu Concerto XXV Aniversario, para sumarse á aposta cultural do Celta e facer un guiño histórico participando na busca da camiseta celeste que Madonna luciu en Balaídos durante o seu concerto de 1990. Si, esa camiseta. A do mito. Aquela que alguén, nalgún lugar, garda nun caixón.
Esta colaboración entre o Celta e SonDeSeu materializarase en clave musical a través da interpretación dun tema da artista estadounidense na previa do partido, como xesto de agarimo cara a Madonna. Pero hai máis. Ademais de ser un descanso nos ensaios para a Orquestra, trátase dunha pausa estilística histórica, xa que será a primeira vez en 25 anos que SonDeSeu aborda un tema pop. Tras un cuarto de século dedicados á música galega, Madonna consegue algo que ninguén conseguira ata agora: colarse no repertorio da Orquestra e inundar Abanca Balaídos coa súa música.
A actuación contará cos arranxos de Mat Amy e de Anxo Pintos, encargado de adaptar o tema de Madonna á linguaxe da tradición galega, amosando como as nosas raíces musicais poden dialogar con iconos internacionais sen perder a súa esencia.
Para o Celta é un orgullo que, mentres ultiman o seu XXV Aniversario, no que participarán artistas como Tanxugueiras, Rodrigo Romaní, Abraham Cupeiro e Xabier Díaz, SonDeSeu queira colaborar activamente na busca desta prenda. Por iso, o club quere lembrar que mañá hai que chegar cedo ao templo celeste para vivir un momento único, onde tradición, raíces e modernidade se unirán en perfecta harmonía.