
O Celta rozou o premio en Abanca Balaídos pero acabou caendo de forma cruel ante o Real Madrid no desconto tras un partido moi igualado desde o minuto uno.
Nos primeiros compases, o conxunto branco arrincou con autoridade, monopolizando a posesión e adiantándose moi cedo no marcador. Tras un primeiro aviso ao pau de Vinícius, os de Arbeloa aproveitaron un córner no que Tchouaméni recolleu un balón solto na frontal e colocouno xunto ao poste para sumar o primeiro tanto merengue.
Un pau para o que o Celta atopou rapidamente resposta cunha acción directa e ben executada. Óscar Mingueza detectou espazo no carril esquerdo, Williot gañou as costas da defensa e asistiu con sangue fría a Borja Iglesias antes da media hora.
A partir de aí o encontro cambiou de ton. O conxunto de Claudio Giráldez sacudiuse a presión inicial, equilibrou a posesión e empezou a xerar as ocasións máis claras. Un disparo de Williot Swedberg obrigou a intervir a Courtois e, pouco despois, tamén o tentou Ferran Jutglà, aínda que sen ángulo suficiente para definir.
Na segunda metade o Real Madrid mantivo máis balón, pero o bloque celeste defendeu con orde e liñas moi xuntas, pechando os espazos interiores e reducindo ao mínimo a produción ofensiva rival. Vinícius apareceu de forma intermitente e Radu apenas tivo que intervir. O tramo final foi celeste. Coa entrada de Iago Aspas o equipo gañou pausa e ameaza entre liñas, e o propio capitán estivo a piques de asinar o gol da vitoria no minuto 86 cunha acción individual que se estrelou no poste.
Cando o empate parecía o desenlace máis lóxico, chegou o golpe definitivo. Xa no tempo engadido e tras unha acción dubidosa, Valverde conectou un disparo desde a frontal que logrou bater a Radu.
Un final demasiado cruel para un Celta competitivo e valente, capaz de discutir o partido a un dos xigantes de Laliga e que finalmente quedou sen recompensa. Agora toca pensar na competición europea xa que Abanca Balaídos volverá vestirse de gala para acoller o partido de ida dos oitavos de final da Europa League ante o Olympique de Lyon o vindeiro xoves, 12 de marzo, ás 21:00 horas.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Marcos Alonso; Óscar Mingueza (Iago Aspas, min. 83), Ilaix Moriba (Matías Vecino, min. 90), Miguel Román, Sergio Carreira; Ferran Jutglà (Hugo Álvarez, min. 70), Williot Swedberg (Jones El-Abdellaoui, min. 70) e Borja Iglesias (Fer López, min. 70).
2 – Real Madrid: Courtois; Trent, Rüdiger, Asencio, Mendy; Fede Valverde, Tchouaméni, Thiago Pitarch (Manuel Ángel, min. 90); Vinícius, Güler (Palacios, min. 65) e Brahim (Gonzalo, min. 77).
Goles: 0-1, min. 11: Tchouaméni. 1-1, min. 25: Borja Iglesias. 1-2, min 90+4: Fede Valverde.
Árbitro: Díaz de Mera (Comité de Castela-A Mancha). Por parte do Celta amoestou a Borja Iglesias con cartón amarelo. Mentres que do Real Madrid viron tarxeta Tchouaméni e Asencio.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 27 de Laliga EA Sports disputado en Abanca Balaídos ante 22.048 espectadores. Nos prolegómenos do encontro rendeuse homenaxe a Madonna coa actuación sobre o terreo de xogo de SonDeSeu.