169reconquista
RIO1923

Camiseta “A Reconquista de Vigo”, un homenaxe ao pobo que decidiu escribir a súa propia historia

RC Celta

O Real Club Celta, a través do seu proxecto de iniciativas vinculadas á súa historia, á creatividade e á esencia cultural do club, RIO1923, amosa unha oda á cidade de Vigo coa camiseta especial “A Reconquista de Vigo”. O deseño desta prenda loce o vermello e branco da bandeira de Vigo e o debuxo arlequín que caracteriza este símbolo. 

A camiseta homenaxea o episodio que marcou para sempre a historia da cidade de Vigo: o alzamento popular dos cidadáns contra o exército de Napoleón en 1809. 

O noso primeiro equipo empregará esta nova camiseta o próximo domingo fronte ao Alavés co obxectivo de celebrar dun xeito especial o próximo 217 aniversario da Reconquista de Vigo. Esta non será a única oportunidade de vela en acción, xa que tamén será empregada en abril fronte ao Oviedo, na xornada retro organizada por LaLiga. 

Aínda que a camiseta non está asociada a unha etapa concreta da historia do club, si presenta elementos inspirados no seu pasado: o escudo, o brillo das cores e incluso os números dos dorsais, cun deseño especial que inclúe a cruz de Santiago, feito expresamente para esta camiseta. Como guiño a ese fútbol do pasado, as camisetas á venda tampouco amosarán os nomes dos xogadores, deixando todo o protagonismo aos números. 

A atención ao detalle vai máis alá, con todos os elementos da camiseta aplicados en flocado aterciopelado, do mesmo xeito que se fixo coa edición da Oliveira dos Cen Anos, que viu a luz hai xusto un ano. 

O deseño da prenda traballouse en conxunto entre o Celta, Hummel e o equipo creativo de Late Checkout. A súa presentación estará para sempre asociada a un fito histórico do club, xa que viu a luz precisamente na noite na que o Celta pasaba a cuartos de final da Europa League ante o Olympique de Lyon, apenas uns días antes da Reconquista. 

A camiseta “A Reconquista de Vigo” preséntase cun packaging especial coas cores da cidade e sae á venda para o público xeral cun prezo de 95€, o mesmo que a edición especial de Oliveira lanzada hai un ano. Os titulares de Carné Celtista poderán mercala co habitual desconto por 85,5€.

Acompaña esta iniciativa unha colección cápsula de RIO1923 baixo o lema “Celta de Vigo” que inclúe camiseta, gorra, bufanda especial e outros elementos de merchandising. A colección completa xa está dispoñible en RIO1923.gal e nas tendas oficiais do Celta en Abanca Balaídos e A Sede. 

RC Celta

Etiquetas

O Club RIO1923

Noticias recomendadas