
Acompaña ao Celta no partido de ida dos cuartos de final da UEFA Europa League e pre-reserva xa a túa entrada para o partido que os celestes disputarán ante o SC Friburgo o vindeiro xoves, 9 de abril ás 21:00 h, no Europa-Park Stadion. A continuación, explicamos detalladamente como realizar o proceso e cales son os pasos a seguir dende o Portal do Celtista:
Pre-reserva e adxudicación
Para optar a unha entrada na bancada visitante, será necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista de maneira individual ou en grupo (cun máximo de 6 celtistas) e un pagamento de pre-reserva (5 euros) co obxectivo de que as solicitudes sexan en firme. Este importe devolverase no caso de non ser seleccionado/a.
Nesta ocasión, o club rival ofrece dous tipos de localidades:
Entradas con asento: 35€
Entradas de pé (zona máis próxima ao terreo de xogo): 17€
Este pagamento non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:
75% das entradas asígnanse segundo a antigüidade: téñese en conta a media de antigüidade no caso de grupos e a antigüidade individual nas solicitudes persoais.
25% das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre os solicitantes restantes.
Unha vez finalizado o proceso de adxudicación, todos os inscritos reciben un correo informando sobre o resultado da súa solicitude.
Elección de localidade
Como novidade neste encontro, os celtistas que resulten seleccionados poderán elixir, no momento de completar a compra, entre as dúas opcións dispoñibles: bancada con asento ou bancada de pé (máis próxima ao campo).
Pódese consultar o detalle da distribución destas localidades na imaxe facilitada polo SC Freiburg que acompaña esta comunicación.
Pago final para os seleccionados
Os celtistas que resulten seleccionados recibirán, por orde de antigüidade, un correo de confirmación cun enlace e as instrucións para completar a compra aboando a diferenza respecto á pre-reserva realizada. Deberán seleccionar a opción de entrada que prefiran e, unha vez seleccionada, non haberá opción a ningún tipo de modificación. Ambas opcións estarán dispoñibles ata fin de existencias.
Para formalizar a compra, deben seguir estes pasos:
Acceder ao Portal a través do enlace facilitado.
Completar o pagamento nun prazo máximo de 48 horas desde a recepción do correo.
Recibirán a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.
⚠ Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, o dereito á compra da entrada perderase e o importe da pre-reserva non será reembolsado.
Devolución para os non seleccionados
Aqueles afeccionados que non resulten seleccionados recibirán un correo coa notificación e, de forma automática, o club procederá ao reembolso íntegro do importe da pre-reserva no mesmo método de pagamento utilizado durante a inscrición.
Confirmación e entrega de entradas
Os seguidores que completen o proceso de compra recibirán un correo de confirmación. É importante lembrar que o xustificante de pagamento non é válido como entrada. As entradas serán en formato dixital e enviaranse ao correo do celtista unha vez finalizado o prazo de venda.
Unha vez realizada a compra, non se permiten cambios nin devolucións.
A preinscrición para as entradas está dispoñible no Portal do Celtista desde hoxe mesmo ata o xoves 26 de marzo ás 13:00 h.
Recordamos que estas entradas son nominativas e solicitarase o DNI xunto coa entrada no acceso ao estadio.
Xuntos a por un novo reto europeo!