
Abanca Balaídos converteuse en escenario dunha mañá con aroma a historia, onde o fútbol e a memoria de Vigo semellaron darse a man. En pleno ambiente de A Reconquista, o Celta Fortuna terminou impoñéndose ao Bilbao Athletic por 2-1 nunha remontada de pulso, paciencia e fe, a través dos goles de Hugo González e Bernard Somuah no desconto.
O equipo dirixido por Fredi Álvarez saíu con decisión dende o pitido inicial, levando a iniciativa e acumulando chegadas durante o primeiro cuarto de hora. O dominio territorial foi claro, co filial celeste instalado en campo contrario e xerando sensación de perigo, aínda que sen acerto nos metros finais. Co paso dos minutos, o Bilbao Athletic tratou de equilibrar o xogo, pero sen inquietar en exceso, deixando unha primeira metade de control vigués que, pese ás boas sensacións, rematou sen recompensa no marcador.
Tras o descanso, o choque igualouse e esixiu máis á zaga local, con intervencións de mérito de Coke baixo paus. Nese intercambio de golpes, o Bilbao Athletic atopou o premio mediada a segunda parte cun tanto de Eder García. Pero, lonxe de virse abaixo, o equipo mantivo a fe e un desconto de 10 minutos permitiu ao filial celeste, como en tantas outras ocasións este curso, seguir abonado á épica e remontar o encontro. O primeiro gol chegou a balón parado a través de Hugo González, e pouco despois Bernard Somuah, tras asistencia de Pablo Gavián, culminou a remontada que desatou a euforia en Abanca Balaídos.
Este triunfo, cargado de simbolismo en plena Reconquista, reforza a identidade competitiva do equipo, consolida a súa posición na zona alta e serve de impulso antes do próximo reto, a visita ao Real Madrid Castilla, onde os celestes buscarán dar continuidade ao seu gran momento.
FICHA TÉCNICA:
2-Celta Fortuna: Coke; Gavián, Ribes, Joel López (Luis Bilbao, min.85); Burcio, Khayat (Capdevila, min.85),Hugo González, Ángel Arcos; Miller (Kibet, min.62), Óscar Marcos (Jan Oliveras, min.62) e Álvaro Marín (Somuah, min.73).
1-Bilbao Athletic: Santos, Aldai, Monreal, Jon de Luis (Hierro, min.78), Baradalla, Lete, Eder García, Buján (Izagirre, min.90), Korkut (Javi Sola, min.46), Gift (Urzaiz, min.78) e Ibai Sanz (Ururita, min.78).
Goles: 0-1, min.68: Éder García; 1-1, min.93: Hugo González; 2-1, min.97 Bernard Somuah.
Árbitro: Víctor Manuel Broncano (comité de Mérida)
Incidencias: Partido correspondente á xornada número 30 de Primeira RFEF disputado en Abanca Balaídos ante 1011 espectadores.