
O Celta xa sabe o que é navegar en augas bravas. En Friburgo, os de Claudio Giráldez encallaron nun porto complicado tras caer por 3-0 na ida dos cuartos de final da Europa League, un resultado duro que obriga agora aos celestes a deixarse a pel en Abanca Balaídos para seguir soñando.
O partido arrincou cun Friburgo intenso, empurrando desde o inicio, ante un Celta ao que lle custou atopar o seu sitio sobre o céspede, falto de precisión nos primeiros compases. Esa presión local acabou dando os seus froitos e por partida dobre. Vicenzo Grifo e Jan-Niklas Beste aproveitaron desaxustes e amosaron unha pegada implacable que puxo costa arriba a eliminatoria antes do descanso.
Tras o paso por vestiarios, o Celta tratou de cambiar o rumbo. Moveu o banco, gañou metros e por momentos conseguiu ter máis o balón, buscando ese gol que o metese de novo no choque. Porén, o Friburgo mantívose firme, ordenado en defensa e sen conceder apenas ocasións claras. Ata que nun dos seus zarpazos, os locais, a través de Matthias Ginter, ampliaron a vantaxe, deixando un marcador demasiado amplo para o visto sobre o terreo de xogo e castigando en exceso a un cadro celeste que non atopou a súa mellor versión no Europa Park.
Pero se algo define este equipo é o seu espírito. Agora a eliminatoria regresa á casa, a un Abanca Balaídos que promete ser unha caldeira. Quedan 90 minutos, toda unha travesía por diante na que non hai espazo para dúbidas nin para medias tintas. É momento de demostrar o verdadeiro significado de Afouteza. Porque esta competición é un agasallo para gozar, pero sen nada que perder, só queda queimar os barcos.
O próximo xoves, o desenlace. E en Vigo, ninguén pensa renderse.