
Tras unha mañá de choiva en Vigo, a tarde abriuse en Abanca Balaídos para acompañar un triunfo de peso ante o Elche CF (3-1), que mantén ao Celta na pelexa por Europa. Nun Día da Nai diferente, o conxunto celeste asinou o mellor dos agasallos para a bancada: tres puntos e unha vitoria con personalidade acadada grazas aos goles de Hugo Álvarez, Iago Aspas e Borja Iglesias.
O partido arrincou cun Elche ben colocado e con vontade de asumir protagonismo co balón, pero o conxunto celeste soubo agardar o seu momento e golpeou con contundencia na súa primeira gran chegada. No minuto 13, Hugo Álvarez aproveitou unha recuperación en campo rival para plantarse na área e definir con precisión, asinando o 1-0.
Lonxe de conformarse coa vantaxe, os celestes mantiveron a intensidade e ampliaron distancias antes da media hora. Iago Aspas, nunha tarde especial por acadar os 400 partidos en Primeira División, definiu con calidade para facer o 2-0 no minuto 29 e encarrilar o encontro antes do descanso.
Tras a reanudación, o conxunto ilicitano deu un paso adiante e tratou de meterse no partido, atopando premio cando André Silva transformou un penalti no minuto 81 para recortar distancias. Porén, a reacción visitante apenas alterou a compostura dun Celta que respondeu con personalidade e sentenciou o choque apenas tres minutos despois, cando unha gran acción colectiva culminada por Borja Iglesias permitiu ao dianteiro celeste asinar o definitivo 3-1.
Unha vitoria de moito valor, para seguir soñando con Europa, en forma de agasallo para todas aquelas nais que transmiten a paixón por estes cores de xeración en xeración. Agora, os de Claudio Giráldez poñen a mirada no seu seguinte compromiso ligueiro ante o Atlético de Madrid coa intención de manter a boa dinámica neste treito decisivo do campionato.
FICHA TÉCNICA:
3 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez, Yoel Lago, Álvaro Núñez (Óscar Mingueza, min. 78); Javi Rueda (Manu Fernández, min. 46), Fer López, Ilaix Moriba, Sergio Carreira; Iago Aspas (J. El-Abdellaoui, min. 63), Hugo Álvarez (Williot Swedberg, min. 71) e Ferran Jutglà (Borja Iglesias, min. 71).
1 – Elche CF: Dituro; Chetauya, Affengruber (Víctor Chust, min. 58), Bigas; Tete Morente (Héctor Fort, min. 69), Aguado (L. Cepeda, min. 77), Febas, Villar (Marc Neto, min. 58), Pedrosa (Josan, min. 69); Álvaro Rodríguez e André Silva.
Goles: 1-0, min. 14: Hugo Álvarez; 2-0, min. 30: Iago Aspas; 2-1, min. 82: André Silva; 3-1, min. 85: Borja Iglesias.
Árbitro: Ricardo De Burgos Bengoetxea (comité vasco). Mostrou cartón amarelo a Javi Rueda (min. 41) e Yoel Lago (min. 83) por parte do Celta e a Gonzalo Villar (min. 28) por parte do Elche.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 34 de LaLiga EA Sports disputado en Abanca Balaídos ante 15.401 espectadores. Durante o descanso rendeuse homenaxe ao Xuvenil A, Xuvenil B e a As Celtas Sporting pola gran tempada realizada por todos os equipos nas súas respectivas categorías.