
O vindeiro xoves 14 de maio, ás 20:00 horas, o Salón Regio de A Sede acollerá a presentación de Un equipo para un país: O Celta e a galeguidade, a primeira obra editada por RIO1923, asinada por Xavier Sánchez Pazos.
O libro nace coa vontade de achegarse ás raíces do club e ás ideas que impulsaron a súa creación, poñendo o foco nunha aspiración que forma parte da nosa historia: a de facer do Celta un equipo capaz de representar futbolisticamente a Galicia máis alá do ámbito local.
Esta iniciativa, vinculada á Semana das Letras Galegas, supón un novo paso na relación do Celta coa cultura, coa lingua e coa identidade galega, nun encontro aberto ao público ata completar capacidade.
Xavier Sánchez Pazos, licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, é investigador especializado na historia do Celta e un destacado seareiro celtista. Nesta obra, combina rigor, paixón e memoria para afondar nunha pregunta esencial: que lugar ocupa o Celta na construción simbólica da Galicia contemporánea?
A presentación estará moderada por Armando Álvarez, xornalista de Faro de Vigo, e contará coa participación de José Henrique Costas, catedrático de Filoloxía da Universidade de Vigo; Sergio Álvarez, conselleiro do Celta e ex xogador do club; Sime Cantó, membro de Keltoi!; e Xavier Sánchez Pazos, autor da obra. Un encontro coral que reunirá miradas procedentes do xornalismo, da universidade, do celtismo, da bancada e da propia historia do club para conversar arredor da relación entre o Celta e Galicia.
Durante a presentación poderanse adquirir exemplares da obra.
Con este primeiro libro, RIO1923 reafirma o seu compromiso coa creación e difusión de contidos culturais arredor do celtismo, abrindo novos espazos para manter viva a nosa historia, a nosa memoria e a nosa identidade.