
O Celta arrincou a pretemporada 26/27 cun empate (2-2) ante o SC Braga, un primeiro amigable de nivel fronte a un rival habitual en competicións europeas que a próxima semana afronta o inicio da súa tempada oficial. Un contexto esixente para comezar a sumar minutos, coller ritmo e preparar a estrea ligueira do próximo 16 de agosto ante o CA Osasuna en Abanca Balaídos.
Claudio Giráldez deu entrada de inicio ás fichaxes Aleix Febas e Javi Galán, que disputaron os seus primeiros minutos como celestes, alén de contar no once con xogadores como Hugo González ou Hugo Burcio.
O Celta levou a iniciativa durante a primeira metade. Cunha boa circulación de balón e controlando a posesión, o equipo foi atopando espazos ata adiantarse no minuto 32. Williot atopou a Hugo González cun pase atrás e o atacante do Fortuna asinou o primeiro gol da pretemporada cun gran disparo axustado ao segundo pau. O Braga igualou o encontro xusto antes do descanso cun remate de cabeza de Víctor Carvalho, pero as mellores sensacións neses primeiros compases foron para o conxunto celeste.
Tras o paso por vestiarios chegou o momento de repartir minutos. Claudio Giráldez cambiou por completo o once e deu entrada a numerosos xogadores do Celta Fortuna, entre eles Coke, Bernard Somuah ou Joel López. Ángel Arcos e Óscar Marcos sumáronse á liña ofensiva nunha segunda parte na que o ritmo do partido se mantivo.
O conxunto portugués adiantouse no minuto 65 tras un saque de esquina, aínda que o Celta non perdeu a orde nin a intensidade. Miguel Román volveu xogar case cinco meses despois da súa lesión e deixou moi boas sensacións no seu regreso. O mesmo que Iago Aspas que tivo unha das mellores ocasións da segunda metade poñendo en apertos ao gardameta rival.
Foi no tempo engadido cando Carlos Domínguez cabeceou á rede un saque de esquina para establecer o definitivo 2-2 nun encontro moi igualado e con alternativas para ambos os equipos.
Máis aló do resultado, o primeiro amigable do verán deixou bos minutos de competición fronte a un rival de gran nivel, permitindo ver en acción ás novas incorporacións e dando protagonismo a varios futbolistas do filial. O seguinte compromiso da pretemporada será o vindeiro sábado, 25 de xullo ás 19.00 horas, ante o Sporting de Gijón en A Lomba (Vilagarcía de Arousa).
FICHA TÉCNICA:
2 – SC Braga: Hornicek, Victor García, Víctor Carvalho, Moutinho, Pau Víctor, Silva, Horta, Sergio Barcia, Arrey-Mbi, Gorby e Tiknaz. Tamén xogaron Thiago, Carvalho, Lelo, Travassos, Navarro, Dorgeles, Husinbasic, Barisic, Yanis, Barjami, Diego, Jonatas, Chissumba, Gabri Mtz, Luisinho e Gil.
2 – Celta: Andrei Radu, Marcos Alonso, Yoel Lago, Álvaro Núñez, Javi Galán, Aleix Febas, Hugo Burcio, Javi Rueda, Williot Swedberg, Hugo González e Ferran Jutglà. Segunda parte: Coke Carrillo, Joel López, Carlos Domínguez, Javi Rodríguez, Sergio Carreira, Matías Vecino (Miguel Román, min. 77), Hugo Álvarez, Jones El-Abdellaoui, Ángel Arcos, Óscar Marcos e Bernard Somuah (Iago Aspas, min. 71).
Goles: 0-1, Hugo González (min. 32). 1-1, Vítor Carvalho (min. 47). 2-1, Jonatas (min. 65). 2-2, Carlos Domínguez (min. 90+2)
Árbitro: Jose Bessa.
Incidencias: Partido correspondente ao primer amigable da pretemporada 26/27 do Celta disputado no Estàdio Municipal de Braga ante 11.368 espectadores.