
O Celta e O Marisquiño unen por primeira vez as súas identidades nunha camiseta urbana que celebra a conexión de ambas as dúas entidades con Vigo. A peza estará dispoñible a partir de hoxe, xoves 6 de agosto, ás 10:00 horas.
Só 300 camisetas sairán ao mercado e presentan unha silueta oversize de cor branca cos logotipos do Celta e de O Marisquiño, que adquiren protagonismo grazas a un acabado engomado en relevo.
Con esta iniciativa, o club e o festival reforzan o vínculo que ambos manteñen coa cidade e cunha forma de entendela a través da creatividade, o deporte e a expresión cultural. O Marisquiño, un dos grandes referentes europeos da cultura urbana e o maior festival gratuíto de deportes de acción do sur de Europa, volverá converter Vigo no epicentro internacional destas disciplinas.
A camiseta estará dispoñible ata fin de existencias, cun PVP de 69,95 €, en tenda.celta.gal, nas tendas oficiais do Celta de Abanca Balaídos e A Sede, e nos puntos de venda oficiais de O Marisquiño situados en Samil durante a celebración do festival.
Esta colaboración conecta dous universos que forman parte da identidade contemporánea de Vigo e que, durante uns días, compartirán tamén unha mesma camiseta para lucila con orgullo fóra do verde.
