bannerjunta1
Celtismo

Convocatoria da Xunta de Accionistas 2026

RC Celta

Real Club Celta de Vigo, S.A.D.

 

Convocatoria de Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria de Accionistas.

Por acordo do Consello de Administración de 11 de setembro de 2026 convócase Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria de accionistas da sociedade Real Club Celta de Vigo, S.A.D. (en diante, a “Sociedade” ou “RC Celta”), que se celebrará no domicilio social sito en Vigo, rúa Príncipe, número 44 (A Sede), Salón Regio, o 20 de outubro de 2026, ás 19:00 horas, con posibilidade de asistencia física e voto presencial ou de asistencia por medios telemáticos e voto a distancia dos accionistas ou dos seus representantes, ao abeiro do previsto no artigo 17º bis dos Estatutos Sociais da Sociedade, de acordo coa seguinte

Orde do día:

Primeiro. – Exame e aprobación, se é o caso, das contas anuais e do informe de xestión individuais da Sociedade, da proposta de aplicación do resultado e da xestión do Consello de Administración correspondente ao exercicio pechado o 30 de xuño de 2026, xunto co correspondente informe de auditoría. Exame e aprobación, se é o caso, das contas anuais e do informe de xestión consolidados da Sociedade coas súas entidades dependentes no exercicio pechado o 30 de xuño de 2026, xunto co correspondente informe de auditoría.

Segundo. – Exame e aprobación, se é o caso, do estado de información non financeira do Grupo RC Celta correspondente ao exercicio pechado o 30 de xuño de 2026 xunto co seu informe de verificación independente.

Terceiro. – Exame e aprobación, se é o caso, do orzamento para o exercicio 2026/2027.

Cuarto. – Punto informativo sobre a rolda de financiamento do Grupo Celta.

Quinto. – Exame e aprobación, se é o caso, do aumento de capital da Sociedade e a conseguinte modificación dos artigos 5º e 6º dos estatutos sociais. Delegación especial de facultades.

Sexto. – Exame e aprobación, se é o caso, da delegación no Consello de Administración da facultade de aumentar o capital social, ao abeiro do artigo 297.1.b) da Lei de Sociedades de Capital.

Sétimo. – Exame e aprobación, se é o caso, da autorización ao Consello de Administración, para os efectos do artigo 160 f) da Lei de Sociedades de Capital, para (i) a subscrición de contratos e outorgamento de garantías no contexto do financiamento (o “Financiamento”) que está sendo obxecto de negociación polas sociedades do Grupo Celta para o desenvolvemento do proxecto Celta 360 (o “Proxecto”), así como (ii) a cesión, achega, arrendamento ou constitución de dereitos persoais ou reais, incluíndo a constitución dun dereito de superficie sobre os terreos nos que se desenvolverá o Proxecto dos que é actualmente titular (ou está en proceso de converterse en titular) (os “Terreos”), a favor doutra sociedade do Grupo, conxuntamente (a “Operación”).

Oitavo. – Reelección do auditor de contas da Sociedade e do seu grupo consolidado.

Noveno. – Dimisións, ceses, nomeamentos e/ou reeleccións de conselleiros.

Décimo. – Punto informativo sobre a situación deportiva.

Undécimo – Rogos e preguntas.

Duodécimo. – Redacción, lectura e aprobación, se é o caso, da acta da reunión da Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria da Sociedade, ou nomeamento de interventores para a aprobación da mesma.

Modalidades de asistencia

Os accionistas poderán asistir á xunta e exercer os seus dereitos, persoalmente ou por representante, de forma presencial ou ben por vía telemática. O mecanismo de asistencia telemática permitirá aos accionistas seguir en directo a retransmisión da xunta, participar na mesma e emitir o seu voto a distancia.

Dereito de asistencia

Conforme ao previsto nos estatutos sociais, poderán asistir, presencial ou telematicamente, os accionistas que acrediten ser titulares de, polo menos, sete accións inscritas ao seu nome, con cinco días de antelación como mínimo á data da xunta, no libro rexistro de accións nominativas da Sociedade. Os titulares de accións en número inferior ao mínimo esixido poderán agruparse para alcanzar o mínimo establecido; nese caso, os titulares agrupados deberán conferir representación por escrito e con carácter especial a calquera dos accionistas agrupados, conforme ao previsto na presente convocatoria.

Dereito de información

Os accionistas poderán exercer o seu dereito de información conforme ao previsto no Texto Refundido da Lei de Sociedades de Capital e nos estatutos sociais.

Adicionalmente, os accionistas poderán consultar as propostas de acordos formuladas polo Consello de Administración na páxina web corporativa (www.rccelta.es / www.celta.gal), na ligazón https://rccelta.es/grupo-rccelta/junta-de-accionistas/.

As respostas aos accionistas ou representantes que exerzan o seu dereito de información durante a xunta poderán realizarse no propio acto ou, se o dereito non puidese satisfacerse nese momento, por escrito durante os sete días seguintes.

Documentación dispoñible

A partir da presente convocatoria, calquera accionista poderá examinar no domicilio social e, se é o caso, obter da Sociedade, de forma inmediata e gratuíta, mediante a súa entrega ou envío, os documentos que deben ser sometidos á aprobación da xunta, os informes de xestión individual e consolidado, os informes do auditor sobre as contas anuais individuais e consolidadas, o informe do prestador independente de servizos de verificación relativo ao estado de información non financeira do Grupo RC Celta e os seguintes informes formulados polo Consello de Administración: (i) Informe que formula o Consello de Administración sobre a ampliación de capital e correspondente modificación proposta dos Estatutos Sociais da Sociedade; e (ii) Informe que formula o Consello de Administración sobre a proposta de acordo de delegación no Consello de Administración da facultade de aumentar o capital social da Sociedade nos termos do artigo 297.1.b) da Lei de Sociedades de Capital. Pódense consultar, así mesmo, na páxina web corporativa (www.rccelta.es / www.celta.gal), na ligazón https://rccelta.es/grupo-rccelta/junta-de-accionistas/.

Tarxeta de Asistencia e Delegación

Para os efectos de poder asistir á xunta e/ou delegar a súa representación na mesma, os accionistas deberán obter da Sociedade a Tarxeta de Asistencia e Delegación por calquera dos seguintes medios:

(i) Solicitándoa de forma presencial, nas oficinas do RC Celta, sitas en Vigo, rúa Príncipe, nº 44 (A Sede), no horario de oficina de luns a venres,

(ii) Solicitándoa por correo postal dirixido ao RC Celta, rúa Príncipe nº 44, 36202 Vigo,

(iii) Solicitándoa a través do correo electrónico accionistas@celta.gal,

(iv) Descargándoa a través da páxina web corporativa (www.rccelta.es / www.celta.gal) na ligazón https://rccelta.es/grupo-rccelta/junta-de-accionistas/

En cumprimento do seu compromiso coa sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente, a Sociedade non enviará a Tarxeta de Asistencia e Delegación impresa aos domicilios dos accionistas. Para maior comodidade dos accionistas, a Tarxeta de Asistencia e Delegación estará á disposición dos asistentes no lugar de celebración da xunta e imprimiranse os exemplares necesarios para a súa entrega a quen a solicite, se identifique e acredite a súa condición de accionista con dereito de asistencia.

Representación

Todo accionista que teña dereito de asistencia poderá facerse representar por medio doutra persoa, aínda que esta non sexa accionista. Como excepción, cando o dereito de asistencia se alcance por agrupación de accións, a representación deberá recaer en calquera dos accionistas agrupados.

Os accionistas que desexen delegar a súa representación noutra persoa, xa sexa para asistencia presencial ou telemática, deberán cubrir e asinar debidamente o apartado relativo á representación da Tarxeta de Asistencia e Delegación, incluíndo a sinatura do representante, entregándoa ou remitíndoa á Sociedade por calquera dos seguintes medios:

(i) Entregándoa de forma presencial, nas oficinas do RC Celta, sitas en Vigo, rúa Príncipe, nº 44 (A Sede), no horario de oficina de luns a venres, acompañada de (1) copia do DNI, TIE ou pasaporte do accionista representado no caso de tratarse dunha persoa física (se o accionista é menor de idade, tamén se achegará copia do libro de familia ou certificación do Rexistro Civil na que conste a súa filiación) e, no caso de tratarse dunha persoa xurídica, copia da documentación que acredite a representación da persoa física asinante da Tarxeta de Asistencia e Delegación e copia do seu DNI, TIE ou pasaporte e (2) copia do DNI, TIE ou pasaporte do representante.

(ii) Remitíndoa por correo postal dirixido ao RC Celta, rúa Príncipe nº 44, 36202 Vigo, acompañada de (1) copia do DNI, TIE ou pasaporte do accionista representado no caso de tratarse dunha persoa física (se o accionista é menor de idade, tamén se achegará copia do libro de familia ou certificación do Rexistro Civil na que conste a súa filiación) e, no caso de tratarse dunha persoa xurídica, copia da documentación que acredite a representación da persoa física asinante da Tarxeta de Asistencia e Delegación e copia do seu DNI, TIE ou pasaporte e (2) copia do DNI, TIE ou pasaporte do representante.

(iii) Remitindo por correo electrónico, ao enderezo accionistas@celta.gal e indicando no asunto “XUNTA ACCIONISTAS”, (1) unha copia en formato pdf da Tarxeta de Asistencia e Delegación, debidamente cuberta e asinada no apartado relativo á representación, acreditando a identidade do accionista por algún dos seguintes medios: (a) DNI electrónico (DNIe) ou (b) sinatura electrónica baseada en certificado electrónico recoñecido, válido e vixente, e (2) copia do DNI, TIE ou pasaporte do representante.

Así mesmo, as delegacións para asistencia telemática poderán realizarse directamente a través da plataforma https://portales.councilbox.com/rccelta cubrindo para tal efecto os campos requiridos.

A representación é sempre revogable. Para que resulte oponible, a revogación deberá ser notificada á Sociedade nos mesmos termos previstos para a notificación do nomeamento de representante ou doutro modo resultar da aplicación das regras de prelación entre representación, voto a distancia ou asistencia persoal que se prevexan no presente anuncio de convocatoria. En particular, a asistencia persoal supón a revogación de calquera delegación, sexa cal sexa a data daquela. A representación quedará igualmente sen efecto pola perda do dereito de asistencia do accionista.

Posibilidade de participación por medios telemáticos

O Consello de Administración acordou ofrecer aos accionistas ou aos seus representantes a posibilidade de participar na xunta mediante a asistencia telemática.

Ademais de resultar de aplicación os requisitos sinalados nos apartados “Dereito de asistencia”, “Tarxeta de Asistencia e Delegación” e “Representación” desta convocatoria, o Consello de Administración aprobou o seguinte procedemento co fin de dispor dos mecanismos necesarios para a asistencia e o exercicio dos dereitos dos accionistas por medios telemáticos:

  1. Acreditación previa (inscrición). – Ademais de obter a Tarxeta de Asistencia e Delegación conforme ao previsto nesta convocatoria, os accionistas con dereito de asistencia que desexen asistir telematicamente á xunta deberán inscribirse previamente, dentro do prazo sinalado no punto 2 seguinte, por calquera dos seguintes medios:

(i) De forma presencial, nas oficinas do RC Celta, sitas en Vigo, rúa Príncipe, nº 44 (A Sede), no horario de oficina de luns a venres, (1) entregando debidamente cuberta e asinada a Tarxeta de Asistencia e Delegación, no apartado relativo á participación telemática; e (2) exhibindo o DNI, TIE ou pasaporte orixinal do accionista no caso de tratarse dunha persoa física (se o accionista é menor de idade, tamén o libro de familia ou certificación do Rexistro Civil na que conste a súa filiación) e, no caso de que sexa unha persoa xurídica, a documentación que acredite a representación legal da mesma.

(ii) Remitindo por correo postal dirixido ao RC Celta, rúa Príncipe nº 44, 36202 Vigo, (1) a Tarxeta de Asistencia e Delegación, debidamente cuberta e asinada no apartado relativo á participación telemática; e (2) copia do DNI, TIE ou pasaporte do accionista no caso de tratarse dunha persoa física (se o accionista é menor de idade, tamén se achegará copia do libro de familia ou certificación do Rexistro Civil na que conste a súa filiación) e, no caso de que sexa unha persoa xurídica, a documentación que acredite a representación legal da mesma. Advírtese expresamente que só se admitirá a documentación efectivamente recibida no domicilio social antes de finalizar o prazo de acreditación previa indicado nesta convocatoria.

(iii) Remitindo por correo electrónico, ao enderezo accionistas@celta.gal e indicando no asunto “XUNTA ACCIONISTAS”, unha copia en formato pdf da Tarxeta de Asistencia e Delegación, debidamente cuberta e asinada no apartado relativo á participación telemática, acreditando a identidade do accionista por algún dos seguintes medios: (a) DNI electrónico (DNIe) ou (b) sinatura electrónica baseada en certificado electrónico recoñecido, válido e vixente.

(iv) A través da plataforma https://portales.councilbox.com/rccelta. A inscrición a través desta opción (iv) estará dispoñible a partir do 25 de outubro de 2026.

A Sociedade resérvase o dereito de solicitar aos accionistas ou aos seus representantes os medios de identificación adicionais que considere necesarios para comprobar a súa condición de accionistas e garantir a súa autenticidade.

Unha vez inscritos correctamente e estando debidamente acreditada a súa condición de accionista e o seu dereito de asistencia, os accionistas recibirán un correo electrónico confirmando a súa acreditación, xunto coas instrucións para poder participar remotamente na xunta.

  1. Prazo para a acreditación previa (inscrición). – Os accionistas que desexen asistir á xunta telematicamente poderán inscribirse, por calquera dos medios referidos no punto 1 anterior, ata as 18:00 horas do 20 de outubro de 2026.
  2. Prazo para acreditar representacións. – No caso de asistencia telemática a través de representante, a representación entregada ou remitida por calquera dos medios mencionados no apartado “Representación”, para ser válida, deberá recibirse pola Sociedade antes das 11:00 horas do día 16 de outubro de 2026.
  3. Plataforma electrónica e sistema de conexión. – A aplicación informática para asistir telematicamente á xunta habilitarase e estará accesible a través do correo electrónico que os accionistas con dereito de asistencia inscritos recibirán para tal efecto. A plataforma foi deseñada de maneira responsive, isto é, adaptada a unha correcta visualización en PCs, smartphones e tablets.
  4. Asistencia telemática. – Os asistentes por vía telemática poderán conectarse á plataforma electrónica da xunta indicada no punto 4 anterior o 20 de outubro de 2026 entre as 18:00 e as 19:00, hora de inicio da xunta e da súa retransmisión en directo. A partir dese momento non se permitirá o acceso á plataforma. Os asistentes conectados á plataforma electrónica poderán seguir a súa emisión en directo a través do vídeo que se mostrará na mesma.

Poderán acceder á plataforma a través do correo electrónico que recibirán para tal efecto antes das 18:00 horas do 20 de outubro de 2026, e unha vez solicitada e inserida a clave SMS que recibirán nos seus teléfonos móbiles, poderán acceder á xunta.

  1. Dereitos de información, intervención e proposta. – Os accionistas ou os seus representantes que asistan telematicamente poderán exercer o seu dereito de información conforme ao previsto no Texto Refundido da Lei de Sociedades de Capital, nos estatutos sociais e na presente convocatoria.

Adicionalmente, os accionistas poderán consultar información para facilitar o seguimento da xunta e indicacións sobre a forma en que o accionista pode exercer os seus dereitos de participación e voto na páxina web corporativa (www.rccelta.es / www.celta.gal) , na ligazón https://rccelta.es/grupo-rccelta/junta-de-accionistas/.

Os accionistas ou representantes poderán pedir a palabra para intervir, solicitar información ou aclaracións e formular propostas de acordos durante o desenvolvemento da xunta.

Para os efectos dun adecuado desenvolvemento da xunta, agradécese aos asistentes inscritos que desexen intervir no acto da xunta que o comuniquen previamente á Sociedade. Esta comunicación poderá facerse:

(i) ao inscribirse para asistir á xunta, marcando a correspondente casa na Tarxeta de Asistencia e Delegación, no apartado de participación telemática, na que poderá indicar o/s punto/s da orde do día sobre o cal/os cales vaia realizar a/s intervención/s e/ou formulación/s de proposta/s de acordo/s, ou ben

(ii) notificándoo á Sociedade por correo electrónico ao enderezo accionistas@celta.gal ou por calquera outro medio, desde o momento da inscrición ata as 11:00 do día 16 de outubro de 2026, indicando o/s punto/s da orde do día sobre o/s cal/es vaia realizar a/s intervención/s e/ou formulación/s de proposta/s de acordo/s.

En calquera caso, os accionistas poderán, antes da xunta, enviar un correo electrónico ao enderezo accionistas@celta.gal, que será debidamente atendido. Así mesmo, durante a xunta poderá solicitar intervir na mesma, a través da plataforma. O asistente remoto que desexe que a súa intervención conste na acta da xunta deberá indicalo expresamente.

  1. Votacións. – Durante a celebración da xunta, os asistentes por vía telemática que se conectasen á plataforma electrónica da xunta poderán emitir os seus votos en relación con cada unha das propostas que se someterán a votación.

Ao tratar cada un dos puntos da orde do día, exporanse as propostas formuladas que se someterán a votación e habilitarase un período de votación. Cando se habilite a votación, presentarase aos asistentes conectados:

• O texto das propostas.

• As tres opcións de voto: a favor (Si), en contra (Non) ou abstención.

O asistente poderá modificar o seu voto ata que finalice o correspondente período de votación. Unha vez finalizado o devandito período de votación, o sentido do voto que estea consignado nese momento será o que prevalecerá.

Para os efectos de facilitar o exercicio dos dereitos de voto, os accionistas poderán consultar as propostas de acordos formuladas polo consello de administración na páxina web corporativa www.rccelta.es / www.celta.gal na ligazón https://rccelta.es/grupo-rccelta/junta-de-accionistas/.

Os accionistas que emitan o seu voto a distancia durante a xunta serán considerados como presentes para os efectos de constitución da xunta. En consecuencia, as delegacións previamente realizadas por eles a favor de asistentes presenciais entenderanse revogadas.

  1. Outras cuestións. – A Sociedade resérvase o dereito de modificar, suspender, cancelar ou restrinxir a xunta xeral, así como os mecanismos de visualización, asistencia, voto, representación e participación electrónicos, cando razóns técnicas ou de seguridade así o aconsellen ou impoñan.

A Sociedade non será responsable dos danos e prexuízos que puidesen ocasionarse a accionistas ou representantes derivados da falta ocasional de dispoñibilidade da súa páxina web, así como de avarías, sobrecargas, caídas de liñas, fallos na conexión ou calquera outra eventualidade de igual ou similar índole, alleas á vontade da Sociedade, que impidan ou dificulten temporalmente a utilización dos sistemas de visualización, asistencia, representación, participación e voto por medios telemáticos, sen prexuízo de que se adopten as medidas que cada situación requira, entre elas, a eventual suspensión temporal ou prórroga da xunta, se iso fose preciso para garantir o pleno exercicio dos seus dereitos polos accionistas ou os seus representantes.

Para os efectos legais oportunos, a asistencia telemática do accionista ou representante será equivalente á asistencia presencial á xunta.

Atención ao accionista

Para calquera dúbida ou aclaración, quedamos á enteira disposición dos accionistas nas oficinas do RC Celta e no número de teléfono (+34) 986 110 900. Así mesmo, os accionistas poderán enviar consultas por correo electrónico ao enderezo accionistas@celta.gal.

Protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais que os accionistas remitan á Sociedade no marco da xunta xeral, incluíndo aqueles datos necesarios para o exercicio ou delegación dos seus dereitos de asistencia, información, intervención, proposta e voto, serán tratados de conformidade co seguinte:

Responsable: Real Club Celta de Vigo, S.A.D., con domicilio social en rúa Príncipe nº 44, 36202 Vigo.

Finalidade: xestionar o desenvolvemento, cumprimento e control da relación accionarial existente no relativo á convocatoria e celebración da xunta xeral, incluíndo o exercicio ou delegación dos dereitos de asistencia, información, intervención, proposta e voto.

Lexitimación: o interese lexítimo dos accionistas e o cumprimento das obrigas legais impostas pola normativa societaria.

Destinatarios: empresas e persoas colaboradoras coa prestación do servizo, cando sexa necesario e imprescindible para o correcto desenvolvemento das finalidades descritas; Afouteza e Corazón, S.L.U., Galicia Sport 360, S.L.U. e Fundación Celta de Vigo, para fins administrativos internos; Administracións Públicas, nos casos previstos pola lei; rexistros e fedatarios públicos, nos casos previstos pola lei.

Dereitos: o titular dos datos poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade de datos, nos termos establecidos para tal efecto na lexislación vixente, mediante o envío dun correo electrónico ao buzón lopd@celta.gal.

Información adicional: para consultar a Política de Privacidade, pode visitarse o sitio web https://rccelta.es/gl/politica-de-privacidade/

En Vigo, o 18 de setembro de 2026.- A Presidenta do Consello de Administración, Dª María de los Ángeles Mouriño Terrazo.

  1. Toda a información e documentación relativa á Xunta de Accionistas está dispoñible AQUÍ.
RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas