
O Celta Fortuna non puido reencontrarse coa vitoria ante o CE Sabadell en Abanca Balaídos, pero si ofreceu unha versión máis sólida e competitiva, especialmente no xogo directo que nas últimas xornadas convertérase nun dos seus principais problemas.
O filial celeste adiantouse aos cinco minutos grazas a Álvaro Marín que, moi atento a un agasallo da defensa visitante, plantouse ante o gardameta arlequinado e non perdoou cun potente disparo. O dianteiro, que suma xa tres goles en Segunda División, volveu poñer o seu aceno nun equipo que afrontaba o partido con catro novidades no once e no que Seyni Ndiaye estreaba titularidade na categoría. O Sabadell reaccionou pronto ao golpe e atopou o empate ao fío da media hora nunha acción a balón parado.
Tras o descanso, o conxunto rival tivo as súas aproximacións, pero o Fortuna respondeu cunha defensa máis firme e atopou nas transicións de Kibet unha vía para achegarse á área rival. Os pupilos de Fredi Álvarez buscaron ata o final unha acción que desequilibrase a balanza e case o conseguen no tempo engadido, cando Ángel Arcos tivo nas súas botas a ocasión máis clara para o 2-1.
Non puido ser pero o Celta Fortuna suma así un punto moi traballado nun partido esixente e condicionado tamén polas numerosas baixas coas que afronta o equipo este parón FIFA. Máis aló do resultado, hai que destacar o debut en Segunda División doutro talento Feito na Madroa, o xuvenil Jorge Pérez-Lafuente que sumaba os seus primeiros minutos na categoría deixando moi boas sensacións.
O Fortuna pon xa a mirada na súa próxima cita que será nun escenario histórico do fútbol español. O domingo, 4 de outubro ás 16.15 horas, visitará El Molinón para medirse ao Sporting de Gijón. Partidazo!
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Quique Ribes, Seyni Ndiaye, Anxo Rodríguez; Pablo Gavián (Pablo Meixús, min. 72), Hugo Burcio (Joel López, min. 72), Capdevila, Germain Milla; Kibet (Jorge Pérez-Lafuente, min. 81), Óscar Marcos (Ángel Arcos, min. 60) e Álvaro Marín (Ángel Davila, min. 81).
1 – CE Sabadell: Fuolli; Óscar Sanz, Catalá (Javi López, min. 60), Edgar, Miki Codina; Toni Ripoll (Eneko, min. 86), Urri, Pere Pons (Baena, min. 46), Quadri; Joel Priego (Ribeiro, min. 71) e Gastón (Obolskiy, min. 60).
Goles: 1-0, min. 5: Álvaro Marín. 1-1, min. 22: Edgar.
Árbitro: Gorka Etayo (Comité Vasco). Por parte do Fortuna, amoestou a Anxo Rodríguez e a Seyni Ndiaye. Mentres que, por parte do CE Sabadell, viron cartón amarelo Pere Pons, Edgar, Catalá e Orriols.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 7 de LaLiga Hypermotion disputado en Abanca Balaídos ante 5.077 espectadores.