fortuna1
Celta Fortuna

O Celta Fortuna roza a épica en El Molinón (3-2)

RC Celta

Ás veces o fútbol pode ser caprichoso; outras, mesmo inxusto. E talvez ao Celta Fortuna faltoulle precisamente esa fortuna no Molinón para transformar o seu dominio ante o Sporting de Gijón pero, xa sexa por mala sorte ou malas decisións, o partido pareceu torcerse ao fío do descanso.

Os pupilos de Fredi Álvarez tomaron as rendas desde o minuto un e, pouco tempo despois, un espectacular Óscar Marcos aproveitaba un saque longo de Coke Carrillo para roubarlle o balón á defensa e anotar o primeiro cunha espectacular vaselina. Pasada a media hora, o Sporting logrou devolver as táboas ao marcador e, xa ao fío do descanso, unha desafortunada acción defensiva terminou deixando k.o. a Pablo Meixús que viu a vermella directa despois da revisión do VAR. Unha expulsión, co seu posterior tiro de falta, que o conxunto asturiano soubo aproveitar para darlle a volta ao marcador.

Tocaba remar contracorriente e o Celta Fortuna, fiel á súa identidade, non baixou os brazos. Cun xogador menos durante toda a segunda metade, o equipo volveu tirar de carácter demostrando que non hai quen lle gañe en afouteza. O Sporting comezou a verse cada vez máis incómodo ante un Fortuna que conseguía recortar distancias cun gol de Kibet, que estreaba así o seu casilleiro en Segunda División. Co equipo enchufado e un rival sen respostas, Fredi Álvarez moveu o banco dando entrada a 3 xuvenís, entre eles, David Sueiro que con tan só 16 anos viviu os seus primeiros minutos en Segunda División nun escenario histórico como El Molinón.

Talvez faltaron cinco minutos, talvez unha última acción. O certo é que o Fortuna quedou ás portas da épica, gañándose así o orgullo e o respecto de todos os que tivemos o pracer de ver como o equipo competiu e defendeu este escudo ata o seu último alento.

FICHA TÉCNICA:

3 – Sporting de Gijón: Yáñez; Rosas, Duñabeitia, Jorge Sáenz, Cuenca (Sánchez, min. 45), Pablo García (Iker, min. 45); Manu Rodríguez, Corredera, Enol Prendes (Mata, min. 58), Gaspar (Miguel Conde, min. 75); e Casas (Sarco, min. 45)

2 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Germain Milla (Vladimir, min. 61), Pablo Gavián, Quique Ribes, Anxo Rodríguez (Ángel Arcos min. 61); Joel López (Jan Oliveras, min. 89), Pablo Meixús, Adrià Capdevila; Óscar Marcos, Kibet (David Sueiro, min. 82); Álvaro Marín (Jorge Pérez, min. 82).

Goles: 0-1, min. 7: Óscar Marcos. 1-1, min. 33: Casas. 2-1, min. 45+11: Casas. 3-1, min. 59: Rosas. 3-2, min. 77: Kibet.

Árbitro: Cid Camacho (Comité castelán-leonés). Expulsou con vermella directa a Pablo Meixús, mentres que Anxo e Quique Ribes viron a amarela. Por parte do Sporting de Gijón amoestou con tarxeta amarela a Cuenca, Sarco, Manu Rodríguez, Mata e Miguel Conde.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 8 de LaLiga Hypermotion disputado no estadio El Molinón ante 18.939 espectadores. Nos prolegómenos do encontro rendeuse homenaxe a Óscar Celada, médico da Selección Española de fútbol, que saltou ao terreo de xogo coa Copa do Mundo.

RC Celta

Etiquetas

Celta Fortuna

Noticias recomendadas